Skip to main content
Deportes RIBEIRASACRAXAMonforte

Tomé destaca a “oportunidade para Monforte e a Ribeira Sacra” que supón ser fin dunha etapa de La Vuelta

Por 26 Marzo, 2021Sin comentarios

Momento da presentación das etapas de La Vuelta 2021 en Galicia

O alcalde de Monforte participou este venres na presentación oficial das etapas de La Vuelta 2021 en Galicia e destacou o “importante retorno económico” que suporá para Monforte e para a Ribeira Sacra ser fin da etapa 19 desta importante competición deportiva, o vindeiro 3 de setembro”.

O rexedor monfortino destacou neste senso que “Monforte vaise volcar con La Vuelta. Tal e como se volcou no ano 2016 coa saída, este ano vaise volcar coa chegada porque é unha oportunidade tremenda para a Ribeira Sacra e para Galicia, porque La Vuelta non so é deporte, tamén é promoción do territorio, promoción do turismo e promoción económica”.

Nun dinámico diálogo co presentador do acto, José Tomé tamén aproveitou para destacar que “a chegada da Vuelta a España a Monforte vaino facer nun momento moi especial para a Ribeira Sacra porque agardo que en xullo sexa declarada en China pola UNESCO Patrimonio da Humanidade. É unha ocasión magnífica para que cando chegue La Vuelta en setembro, xa teñamos a declaración de Patrimonio da Humanidade para o conxunto da Ribeira Sacra.”

Antes de rematar a súa intervención, aproveitou tamén para resaltar os principais atractivos turísticos, paisaxísticos, gastronómicos e culturais de Monforte e da Ribeira Sacra: “o espectador vaise atopar, co final de etapa en Monforte, cunha paisaxe cultural e natural únicas”.

No acto de presentación, que se celebrou na Cidade da Cultura en Santiago de Compostela, participaron ademais do rexedor monfortino, o director xeral de La Vuelta, Javier Guillén, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e varios ciclistas de renome, entre outros.

A etapa 19 de La Vuelta 2021 entrará en Galicia pola Fonsagrada e atravesará a provincia ata chegar ao remate da etapa en Monforte, no que será unha das etapas máis longas da edición deste ano da competición.