Skip to main content
Láncara

Láncara destinará 25.000 euros a reforzar o tecido económico local fronte á covid

Por 19 Marzo, 2021Marzo 22nd, 2021Sin comentarios

O pleno do Concello de Láncara aprobou, nunha sesión extraordinaria celebrada na tarde deste xoves, unha modificación de crédito de case 150.000 euros, o que supón o 7% do orzamento municipal para este ano. Esta proposta, o único punto da orde do día do pleno, saíu adiante cos votos a favor do equipo de goberno, do PSOE, e a abstención de PP e BNG.

Deste xeito, deses preto de 150.000 euros, a maior partida investirase na mellora de vías municipais entre Fonteabuín e A Chá. A esta actuación, compartida co Concello de Sarria, destinaranse 37.000 euros. Melloraranse tamén os viais de titularidade municipal entre A Chá e A Lama, con 14.520 euros, e en Mourillón, cun orzamento de 13.800 euros.

Momento do pleno, celebrado vía telemática

Outra partida importante, de 25.000 euros, destinarase á posta en marcha de premios ou axudas ao desenvolvemento da actividade económica no municipio. Segundo explicou o rexedor lancarés, Darío Piñeiro, as actividades están “aínda por definir” pero do que se trata é de “colaborar cos establecementos locais fronte ás dificultades derivadas da covid”.

O voceiro socialista na corporación, Pablo Rivera, salientou que, despois das axudas outorgadas polo Concello o pasado mes de maio, esta sería a segunda achega ao tecido productivo local fronte a covid. “Láncara é un dos concellos de menos de 5.000 habitantes que máis e máis rápido reaccionaron fronte á situación pola covid”, dixo.

Coa aprobación desta modificación de crédito deuse tamén o visto bo a destinar 18.000 euros á redacción do proxecto da primeira fase do Plan Especial para a construción dunha rotonda no acceso á Pobra de San Xiao, e outros 9.500 euros a “non prescindir” da Feira da Tenreira, manténdoa viva con unha “edición diferente”.

Aprobouse tamén a adquisición dun vehículo todoterreo e o acondicionamento da estación de bombeo municipal para adaptala ás novas tecnoloxías. “Do que se trata é de que as medicións sexan o máis xustas posibles e que cada veciño pague realmente polo que consume”, explicou Rivera.

FALTA DE INFORMACIÓN

PP e BNG abstivéronse na votación alegando “falta de información concreta” sobre cada un dos puntos. Os dous grupos manifestaron ademais a súa “sorpresa” ante a convocatoria dun pleno extraordinario soamente unha semana antes de que se celebre a sesión ordinaria. “Non se discute a necesidade de obras ou de axudas, pero o que pedimos é información e non temos resposta”, asegurou o voceiro nacionalista, Iago Bande.

Na mesma liña se manifestou o voceiro popular, Santiago Cubillas, quen asegurou tamén, no caso das axudas previstas ao tecido económico local, que “é de xustiza axudar a quen o necesita, pero cremos que as bases deberían ser consensuadas” entre os grupos da corporación.