Skip to main content
Monterroso

Monterroso lembra a obriga de limpar de maleza as fincas próximas a vivendas

Por 13 Abril, 2021Sin comentarios

O goberno local de Monterroso emitiu un bando informativo para lembrar aos propietarios de terreos situados en solo urbano, urbanizable ou núcleo rural a obriga de mantelos nun estado axeitado de limpeza e coa masa vexetal desbrozada antes do día 31 de maio, atendendo ás distancias establecidas pola Lei de prevención e defensa contra incendios (Lei 3/2007 do 9 de abril).

A partir do 1 de xuño, o Concello, xunto a Garda Civil e axentes forestais, comezará a campaña de vixiancia e inspección para comprobar o cumprimento desta lei que, en caso contrario, conlevará “o inicio de expedientes sancionadores” aos titulares das fincas.

No bando lémbrase que deben estar limpas de maleza as parcelas que se atopen dentro dunha franxa perimetral de 50 metros ao solo urbano, urbanizable delimitado ou núcleo rural, así como tamén que no interior do núcleo de poboación e na totalidade da franxa de protección de 50 metros desde a liña que delimita urbanísticamente os núcleos, non poderá haber especies arbóreas pirófilas, como piñeiros, eucaliptos, toxos, mimosas, silvas ou fentos.

O incumprimento destas obrigas, transcorridos os prazos correspondentes, determinará a incoación do correspondente expediente sancionador. O Concello explica ademais que a administración pode repercutir os gastos da extinción dun incendio ás persoas responsables de non cumprir coa obriga de limpeza e xestión da biomasa vexetal e polo incumprimento das distancias mínimas.

As franxas de protección poden consultarse no taboleiro de anuncios do Concello de Monterroso.