Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

Nas vindeiras semanas comezará a selección de persoal do GES de Friol

Por 17 Abril, 2021Abril 18th, 2021Sin comentarios

Friol será a sede do Grupo de Emerxencias Supramunicipais GES, que estará compartido con outros catro concellos, Palas de Rei, Outeiro de Rei, Guitiriz e Begonte.

Anteriormente, Guitiriz e Begonte xa formaban parte do GES guitiricense e que tiña tamén a Xermade no seu ámbito de actuación, pero agora este Concello para a estar baixo a cobertura do parque de bombeiros de Vilalba.

Este novo servizo terá a súa central no polígono de Friol xa que este lugar está preto das estradas que conectan o municipio cos outros catro. Nas vindeiras semanas comezará a selección do persoal.

A Deputación de Lugo achega preto de 800.000€ ao ano para o funcionamento dos GES, o que equivale a practicamente ao 1% do Orzamento da Deputación de Lugo. A institución provincial lucense converteuse no 2016 na primeira institución provincial de Galicia que asumiu o custe municipal dos GES, lembrou o Presidente, de tal maneira que os concellos “poidan ofrecer este servizo de prevención e de atención a emerxencias a custe cero”.

O investimento total dos GES desde a súa creación supera os 48 millóns de euros para o seu funcionamento, así como na formación dos seus efectivos na Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) e na dotación de material. De feito, en canto ao apoio en equipamento, a Xunta leva máis de 8 millóns de material cedido, incluíndo as entregas previstas para este ano cun orzamento de 3,1 millóns de euros.

“É moi importante poñer sempre as cifras en perspectiva e, tamén, é moi importante poñer en valor o que significa manter os compromisos nunha época excepcional como a que vivimos debido á pandemia”, concretou e detallou na reunión previa de marzo o Presidente da Deputación, José Tomé Roca, dado que “as entidades locais asumimos moitos gastos extraordinarios debido á Covid-19, como por exemplo, a desinfección dos colexios, a compra de material de protección ou medidas de apoio aos sectores económicos, sobre todo os máis afectados polas restricións sanitarias, sen percibir, en cambio, ningún fondo extraordinario para poder afrontar eses novos gastos”.

O Presidente puxo en valor o espírito co que foron creados os GES. “Son unhas unidades de prevención e de emerxencias que resultan fundamentais nunha provincia como a nosa, que ten un marcado carácter rural e que conta cunha dispersión poboacional moi importante; prestan atención a uns concellos que na súa maioría son de pequeno tamaño, e que por si mesmos non terían capacidade, nin para crear, nin para manter o servizo; e que materializan e poñen en valor a cooperación e a solidariedade intermunicipal e a cooperación interadministrativa, que dende a Deputación de Lugo consideramos importantes”.

Así, a comunidade galega contará con 5 novos GES: 2 na provincia de Ourense con sedes en A Veiga e Maceda e 3 na de Pontevedra con bases en A Lama, A Cañiza e Mos/Redondela, este último cunha subsede en cada un dos dous municipios. A eles súmase o servizo supramunicipal no concello coruñés de Noia. Cos novos servizos, o mapa de emerxencias de Galicia contará con 29 GES e 4 servizos municipais que cubrirán 190 concellos.