Skip to main content
Cervo

Cervo é un dos municipios referentes en materia de reciclaxe

Por 8 Maio, 2021Maio 9th, 2021Sin comentarios

O Concello de Cervo é un dos municipios referentes en materia de reciclaxe e recollida selectiva da comunidade galega. 

Así o reflicten os datos que veñen de facilitar dende Ecoembes que reflexan que o municipio mellorou substancialmente nesta materia nos últimos anos.

Analizando a evolución das cifras desde o ano 2016, o Concello de Cervo acumula un 50,5% de incremento na recollida selectiva de envases lixeiros (colector amarelo); pasando de 71.640 a 107.880 quilos en 5 anos. Uns datos tamén relevantes se só nos fixamos na comparativa entre o 2019 e o 2020; cando o aumento foi do 24,2%. 

No 2020 a aportación media de cada veciño foi de 25,5 quilos de envases lixeiros, 11 quilos máis que a media galega neste mesmo período. E se temos en conta a comparativa entre o 2019 e 2020, os cervenses depositaron de media 5 quilos máis neste último ano con respecto ao anterior.

A mellora tamén é notable en canto á recollida selectiva de papel e cartón (colector azul), pasando 13,7 quilos por habitante ao ano no 2016 a 16,2 no 2020.

Son datos que o rexedor de Cervo, Alfonso Villares, valora moi positivamente, tendo en conta ademais “que sitúan ao noso Concello como un referente, grazas ao esforzo de todos os cervenses”.

Pero non podemos conformarnos –engadiu- “e temos que seguir a traballar nesta liña, e mellorar ano a ano estes datos, así, dende a delegación de Medio Ambiente, seguiremos a apostar polas campañas de concienciación e educación ambiental que vemos que están a dar os seus froitos”.

Así mesmo, Villares tamén puxo en valor a eficiencia e calidade dun servizo 100% municipal, “polo que apostamos dende sempre,  e que está a ser contrastado agora polas cifras que nos din que imos no camiño correcto”.

A día de hoxe o Concello de Cervo conta con 545 colectores verdes (de materia orgánica e fracción resto), 179 amarelos (envases, latas, briks..), 44 azuis  (papel e cartón), 12 vermellos (aceite), 45 de vidro, 2 de roupa e unha decena de colectores negros destinados á poda que foron instalados nos últimos meses en lugares estratéxicos de cada parroquia. 

A este respecto desde o Concello fíxose nos últimos tempos un minucioso traballo de xeolocalización e cartografado de todos os contedores instalados no municipio, por categorías, “a fin de levar optimizar ao máximo os recursos e facer máis eficiente este servizo municipal”

A edil de medio ambiente, Mali Méndez, tamén recordou que son moitas as iniciativas nesta materia que promovemos ao longo do ano, e destacou por exemplo, a “entrega anual gratuíta que facemos de composteiros” –máis de 200 familias teñen un nos seus fogares; ou as iniciativas en educación ambiental que diriximos aos máis pequenos ao longo de todo o ano “coñecedores da importancia de concienciar sobre a reciclaxe dende a propia infancia”.

O rexedor e a concelleira quixeron agradecer unha vez máis a implicación da veciñanza de Cervo, “cuxo compromiso resulta fundamental para que o noso municipio sexa referente en Galicia nesta materia”; e animan a seguir neste camiño e “a ser cada vez máis ambiciosos porque o resultado é beneficioso para todos”.

Estas cifras tan positivas tamén se deben en gran parte ao convenio subscrito entre a Xunta de Galicia e Ecoembes, ao que está adherido o Concello de Cervo, que supuxo un incremento substancial dos fondos destinados ao reforzo no número de colectores de recollida selectiva no termo municipal.