Skip to main content
Lugo

Arroxo pide á Xunta un maior investimento en Lugo

Por 2 Maio, 2021Sin comentarios

O Tenente de Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou que dende o Concello de Lugo se traballará para que a Xunta “realice investimentos en Lugo cos fondos de recuperación Next Generation que terá a disposición”. Arroxo explicou que “ano tras ano vemos como a Xunta de Galiza se esquece de Lugo á hora de realizar investimentos”, e afirmou que “é o momento de dar a volta a esta situación, e que o goberno galego de o mesmo trato a Lugo que da ao resto de cidades”.

Rubén Arroxo afirmou que “é o momento de retomar proxectos que están totalmente paralizados, mellorar as comunicacións de Lugo co resto de Galiza, e poñer en marcha proxectos innovadores que xeren emprego de calidade en Lugo”. O Tenente de Alcalde referiuse así a proxectos paralizados nos últimos anos, como o Plan Paradai ou a rehabilitación do barrio da Tinería, “onde se pode ver que perfectamente o abandono da Xunta de Galiza a unha zona que podería ser referencial no eido da arqueoloxía”.

“A innovación ten que ser un dos eixos de desenvolvemento da nosa economía, xerando emprego de calidade”, afirmou Rubén Arroxo, e indicou que nese sentido que “o Campus de Lugo conta con centros de investigación en diferentes ámbitos e a Xunta de Galiza ten que  facer unha aposta estratéxica para situar a Lugo como referente en materia de biodiversidade, desenvolvemento rural e cambio climático”.