Skip to main content
Lugo

Éxito das rutas para conmemorar o Día da Transrománica

Por 5 Maio, 2021Maio 6th, 2021Sin comentarios

A Deputación de Lugo esgotou nun tempo récord de cinco días as 112 prazas das 14 rutas que programou para conmemorar o Día da Transrománica, este vindeiro domingo, 9 de maio. As persoas interesadas en participar nalgunha das propostas, unicamente poden acceder ás prazas de reserva restantes. Dende a Deputación destacouse o éxito da iniciativa impulsada pola institución provincial, coa que “buscamos poñer en valor entre a propia veciñanza, o patrimonio da provincia e favorecer o turismo de proximidade, algo especialmente importante e necesario para facer fronte ó impacto da pandemia”.

As persoas que teñen reservada a súa praza poderán coñecer a Catedral e casco histórico de Lugo; a Igrexa de Santa María de Pesqueiras e Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a Igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo, ou San Paio de Diamondi, no Saviñao, entre outros. Ademais, inclúese unha visita á igrexa de Santa María, en Meira, e á Basílica de San Martiño de Mondoñedo, en Foz.

García Porto celebrou “a boa acollida desta iniciativa na que participamos por primeira vez e coa que agardamos que os veciños e veciñas de Lugo se convertan nos mellores embaixadores do noso patrimonio”. “Estas actividades impulsadas pola Deputación de Lugo van en liña coa nosa aposta: un turismo de calidade, non masificado e de proximidade”, destacou a Deputada.

Estas 14 propostas realízanse en consonancia cos restantes membros da asociación Ruta Transrománica alcanzando os recursos patrimoniais unha proxección internacional. Así mesmo, durante a xornada, García Porto participará nun audiovisual no que se darán a coñecer todos os membros da Ruta Transrománica gravado ante a igrexa de San Xoán ou San Nicolás de Portomarín, e no que invitou a visitar as 10 igrexas incluídas en dita ruta da provincia de Lugo cando a situación sanitaria mellore.

A Ruta Transrománica

A Ruta Transrománica está recoñecida oficialmente co selo de Itinerario Cultural do Consello de Europa e trátase dunha das principais rutas culturais paneuropeas. Está integrada por rexións de 9 países da Unión Europea -Austria, Alemaña, Francia, Italia, Romanía, Portugal, Serbia, Eslovaquia e España- e aglutina un conxunto de monumentos románicos, moitos deles declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.

A provincia de Lugo é o terceiro lugar de toda España que forma parte desta entidade, despois de Castela e León, co mosteiro de Santo Domingo de Silos, e a cidade de Zamora, e conta na súa ruta con 10 igrexas de arte románico situadas en 10 concellos da Ribeira Sacra.

As igrexas que inclúe a candidatura son as seguintes: o mosteiro do Divino Salvador, en Ferreira de Pantón; a igrexa de San Xoán da Cova, en Carballedo; a igrexa de Santa María de Nogueira de Miño, en Chantada; a igrexa de San Pedro de Ribas Altas, en Monforte de Lemos; a igrexa de San Facundo de Ribas de Miño, en Paradela; a igrexa de San Nicolás ou San Xoán, en Portomarín; a igrexa de Santa María de Torbeo, en Ribas de Sil; a igrexa de Santo Estevo de Ribas de Miño, no Saviñao; a igrexa de Santa María de Proendos, en Sober; e a igrexa de Santa María de Taboada dos Freires, en Taboada.