Skip to main content
LugoPortomarín

O PP solicita a corrección dalgunhas liñas de autobuses en Lugo

Por 26 Maio, 2021Sin comentarios

O Partido Popular pedirá a reunión urxente da Mesa de Transporte para trasladar ao bigoberno as numerosas queixas que estes días están recibindo con respecto a posta en marcha das novas liñas de autobuses de Lugo. Unha das peticións que lle van trasladar ten que ver coas liñas que dan servizo aos veciños das parroquias de San Andrés de Castro, San Xoán de Pena, Santa Comba, Recimil, San Mamede dos Anxos e Nadela.

“Queremos, o antes posible trasladar as peticións dos veciños á área de mobilidade co obxecto de corrixir ou mellorar o novo deseño do transporte público de Lugo”, explicaba o vicevoceiro popular Antonio Ameijide tralo encontro que tivo lugar onte con medio cento de veciños afectados.

Os populares trasladarán estas reclamacións ao bigoberno que reúnen en tres puntos: intentar que algunha das liñas que da servizo a esta zona de Conturiz achegue aos veciños ao Centro Médico de Fingoi ou o entorno (zona Fonte do Rei), dar unha solución para aqueles estudiantes de BAC que van aos institutos de Ramón Ferreiro e que agora quedaron sen servizo e outra demanda ten que ver coa liña que vai a Nadela e que se prolongou ata Santa Comba.

Por outro lado, o PP tamén denunciou os feitos que ocorreron en Portomarín relacionados coa Deputación. “É un servizo que precisan especialmente aqueles que menos medios teñen. Á vista de como pretende actuar o presidente da Deputación en relación con Portomarín, queda claro que pretende usar este servizo de maneira caciquil e en defensa dos intereses do Partido Socialista”, defenderon os populares. Por iso, dende o PP se expresa a súa máis rotunda oposición e anuncia que seguirá moi de cerca este asunto e que pedirá explicacións ao goberno provincial.

O viceportavoz do grupo provincial do PP José Antonio García sinala: “no grupo provincial do PP consideramos inaceptable a carta enviada polo presidente da Deputación ao alcalde de Portomarín. Dicimos isto porque José Tomé, ante as dificultades que teñen todos os concellos para conseguir técnicos xurídicos, secretarios e interventores, mandou como posible opción de substitución a este Concello a unha técnica, contratada recentemente polo goberno da Deputación, mediante unha comisión de servizo, dado que a praza desta técnica está fóra de Galicia. Ata aí todo  ben, posto que é un dos servizos que debe dar a Deputación aos concellos. O grave  desta situación é que a técnica que ofreceu Tomé a Portomarín é a muller dun concelleiro socialista en activo, ademais de ser a irmá da anterior alcaldesa, tamén socialista, que agora é asesora de Tomé na Deputación de Lugo”.

José Antonio García declara: “por iso dicimos  que é unha auténtica provocación. Este é un novo exemplo de que Tomé está convertendo á Deputación na casa dos socialistas lucenses. Este é un caso grave, posto que afecta aos servizos xurídicos de cooperación cos concellos. É un servizo moi importante que non só ten que ser absolutamente obxectivo, senón que non pode xerar dúbidas sobre a súa obxectividade”.  

Noutra orde de cousas, a concelleira do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Cristina Abades, lamenta “a decisión do goberno local de Lugo de privatizar a nova unidade de atención temperá que comezará a funcionar no municipio”.

A popular denuncia que “nin sequera se preocuparon en valorar a posibilidade de prestar este servizo a través de persoal propio do Concello e xa dende o primeiro intre contemplaron a vía de externalizar este servizo, polo que se privatizará un novo servizo do Concello”.

Cristina Abadesa afirma que “despois do realizado nos últimos 22 anos polos diferentes gobernos socialistas á fronte do Concello de Lugo non nos sorprende esta privatización, xa que están a realizar un desmantelamento sistemático dos servizos públicos municipais. O que nos sorprende fondamente é a postura do BNG, que dende a oposición defendía a municipalización dos servizos externalizados pero que agora consente co seu voto a privatizan constante de servizos”, lamenta.

A concelleira popular explica que consideran importante reforzar á atención ás persoas, sobre todo, a atención temperá á infancia, sendo o ámbito municipal o máis idóneo para a prestación deste tipo de apoio aos menores.