Skip to main content
Comarca RIBEIRASACRAXA

Éxito das rutas fluviais en catamarán

Por 19 Maio, 2021Sin comentarios

Máis de 430 persoas realizaron algunha das dúas rutas fluviais en catamarán que oferta a Deputación de Lugo na Ribeira Sacra durante a ponte das Letras Galegas. Estes percorridos, que percorren os leitos dos ríos Miño e Sil, convertéronse nun atractivo turístico para os visitantes a este territorio. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, informou destes datos, que cualificou como “moi positivos, tendo en conta a situación sanitaria que limita os aforamentos das embarcacións á metade. Ademais, as reservas indican que a tendencia da temporada vai ser moi boa”. 

No conxunto da temporada, as rutas fluviais da Deputación de Lugo contaron con máis de 2.500 viaxeiros e viaxeiras, que escolleron estas alternativas provinciais que contribúen a dinamizar a economía en sectores como o hostaleiro, o turístico ou o comercial e promove un turismo de calidade e non masificado polo que aposta a institución provincial.

García Porto tamén adiantou que na actualidade hai unhas 1.700 reservas para toda a  temporada, que se prolongará ata o mes de decembro. “Dende o comezo das viaxes estamos percibindo un cambio de comportamento no público, que agora fai plans a curto prazo e decide con menos antelación que facer no seu tempo de lecer, incrementando a reservas nos catamaráns nos días previos a facer a viaxe”, concreta a Deputada. 

Este ano a temporada botou a andar na ponte de San Xosé, adiantando unhas semanas o comezo das rutas, que sempre cadraba coa Semana Santa. “As rutas fluviais favorecen á proxección da Ribeira Sacra no ano no que esta paisaxe cultural única está chamada a ser declarada Patrimonio da Humanidade, e son unha boa maneira de promocionar o noso territorio a través do turismo de calidade, proximidade e non masificado. O visitante busca alternativas ao aire libre, en plena natureza e seguras, como a que ofrece este servizo da Deputación de Lugo”, destacou a Deputada.

Rutas, reservas e horarios

Ata finais de ano, as persoas interesadas en coñecer a Ribeira Sacra a bordo dos catamaráns da Deputación de Lugo xa poden acceder á web reservas.rutasembalses.es, ou ben contactar no correo electrónico catamaranes.turismo@deputacionlugo.org ou no teléfono 982.260.196 en horario de luns a venres, de 09:00 a 14:30 horas.

O servizo de catamarán funciona adaptándose ás medidas establecidas polas autoridades sanitarias en cada momento e seguindo protocolos propios da institución provincial no marco da súa actuación para extremar a prevención e a contención da covid19. Ao igual que a temporada pasada, o aforo das embarcacións está reducido á metade e a frecuencia das viaxes está adaptada para evitar que nos embarcadoiros non se produzan concentracións de persoas. Mantéñense os dous percorridos: a ruta fluvial Canón do Sil, que parte do embarcadoiro da Deputación Ponte de Sil, en Monforte de Lemos; e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que discorre polo Saviñao, Pantón e Chantada.

No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas 107 no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil. Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 72 viaxeiros. Será obrigatorio o uso de máscara durante toda a viaxe e realizaranse servizos de desinfección para previr o contaxio pola covid19.

Neste mes de maio as rutas son de mércores a domingo, no percorrido polo río Sil, e sábados e domingos, na ruta do Miño, ambas en horario de mañá e tarde. En xuño, xullo, agosto, e ata o 12 de setembro haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña. A partir do 12 de setembro e ata a Ponte de decembro pasarán a funcionar de mércores a domingo con dúas viaxes por día, na ruta que parte do Embarcadoiro da Deputación de Lugo Ponte do Sil, e só as fins de semana, na ruta que sae do Embarcadoiro de Belesar.