Skip to main content
BóvedaParadela

Licitadas as obras na estrada que une Bóveda e Paradela

Por 18 Maio, 2021Maio 19th, 2021Sin comentarios

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anuncia que a institución vén de aprobar na Xunta de Goberno o proxecto e a licitación por un importe de 100.566€ de novas obras de mellora da LU-P-0907, que une os municipios de Bóveda e Paradela, coñecida como a estrada de Remesar.

Con estes traballos, a Deputación mellorará preto de 3 quilómetros desta vía -entre os puntos quilométricos 3,37 e 6,07- e consistirán na reapertura de cunetas, en pavimentar con aglomerado en quente e na realización da correspondente sinalización horizontal mediante marcas reflexivas brancas. O prazo de execución estimado é de 9 meses.

As obras dan continuidade ás que a Deputación xa está acometendo nesta mesma estrada, nun treito doutros 3 quilómetros, entre os puntos 0 e 3,2, e nos que inviste 93.000€. En total, con estas dúas actuacións, quedarán renovados cun investimento que alcanza os 200.000€ os primeiros 6 quilómetros desta estrada pola que cada día pasan numerosos veciños e veciñas da contorna.

A mellora da mobilidade é unhas das prioridades marcadas polo Presidente no Orzamento da Deputación para este ano 2021, no que decidiu aumentar as partidas para as estradas nun 14%, ata acadar os 16M€. Unhas estradas en boas condicións, subliña Tomé Roca, son necesarias para aumentar a calidade de vida dos veciños e veciñas, e favorecer a igualdade de oportunidades e o reequilibrio territorial.