Skip to main content
Abadín

O Concello de Abadín licitará obras por valor de máis de 350.000 euros en aglomerado

Por 11 Maio, 2021Sin comentarios

O Concello de Abadín licitará esta semana diferentes obras de actuación con cargo ao Agader e ao Fondo de Compensación, segundo informou o seu alcalde, José María López Rancaño.

Así, con cargo ao Agader, Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, investirán 84.814 euros que se destinará para o aglomerado de varias pistas e camiños como o de Lousida, en Cambia, a Fanoi, e a de Gontán de Arriba, en Quende.

Así mesmo, explica Rancaño, utilizarán varios remanentes das contratacións do Plan Único de 2020 para novas obras de aglomerado que nesta ocasóns será para o camiño que vai de Fraias á igrexa de Quende, así como para o acondicionamento da Frouxeira.

Tamén investirá os orzamentos do Fondo de Compensación, que ascenden a 269.720 euros en varias obras en viais que se licitarán en próximos días. Os traballos que se realizarán afectarán á rúa Real, en Abadín, acceso ao grupo escolar, variante de Abeledo, variante de Corvite e na estrada desde o cemiterio de Moncelos a Xubín.

Ademais, investirase tamén en arranxar varios accesos, catro en Moncelos e núcleos da contorna e en Romariz, e tres máis no Curraíño. Finalmente tamén serán acondicionados un total de oito accesos a núcleos en Castromaior.

Está previsto que as obras se inicien antes do verán, segundo indicou o alcalde.