Skip to main content
Comarca AMARIÑAXAMar AMARIÑAXA

Galicia e Portugal impulsan a eficiencia enerxética nas instalacións de cultivos mariños

Por 26 Xuño, 2021Sin comentarios

Galicia e o Norte de Portugal colaboran no proxecto Acuaenergy, que impulsa melloras nas instalacións de cultivos mariños relacionadas coa eficiencia enerxética e a protección do medio ambiente.

Esta iniciativa mellora a competitividade das plantas acuícolas a través da eficiencia enerxética -que está avalada pola Xunta e liderada polo Centro Tecnolóxico do Clúster da Acuicultura (Cetga)- e constata que a introdución de melloras nas instalacións, o fomento das enerxías renovables e a xestión da enerxía como un asunto prioritario nestes centros permitirían alcanzar aforros no consumo enerxético próximos ao 30%. 

Esa redución do gasto en enerxía -que só nas plantas de cultivos mariños da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal acadaría os 2,4 millóns de euros ao ano- tamén permitiría evitar a emisión anual de 9.900 toneladas de dióxido de carbono (CO2) á atmosfera. Uns resultados que, salientan os responsables do proxecto, serían extensibles a outras instalacións de semellantes características en toda Europa.       

Os promotores de Acuaenergy expuxeron ante as representantes da Xunta os avances acadados no proxecto, que pretende mellorar a competitividade e o potencial de crecemento do sector mediante a identificación, a análise e a difusión de solucións enerxéticas sostibles tanto medioambiental como economicamente.

É dicir, que permitan tanto a redución dos custos operativos das instalacións como mitigar na medida do posible o impacto no medio ambiente mediante a rebaixa das emisións de gases de efecto invernadoiro vencelladas coa súa actividade.

No marco desta acción, os investigadores realizaron auditorías enerxéticas nas principais instalacións de cultivos mariños de Galicia e do norte de Portugal para afondar nos seus consumos enerxéticos e definir aquelas medidas de eficiencia enerxética e de implantación de enerxías renovables que poderían desenvolverse para afrontar os problemas do sector e impulsar a súa competitividade. 

Os resultados obtidos foron validados mediante a instalación no Cetga de dous prototipos -un sistema de microturbina e outro de xeración fotovoltaica- aos que se sumaron accións de formación nas que participaron preto de 200 persoas e unha plataforma de asesoramento enerxético accesible para todas as plantas interesadas. 

Proxecto Acuaenergy

Esta acción de investigación enmárcase na segunda convocatoria do Programa de Cooperación Transfronteiriza Interreg V-A España-Portugal (Poctep) 2014-2020 e conta cun orzamento global de preto de 740.000 euros. O seu obxectivo é acadar un crecemento integrador a través dunha cooperación transfronteiriza e mediante a mellora da competitividade das pequenas e medianas empresas así como o impulso da súa internacionalización.

No proxecto, liderado polo Cetga, colaboran tamén o Grupo de Enerxía Eléctrica da Universidade de Vigo, a Consultoría para a Universidade e a Empresa (UNEM), a consultora ELA Ingeniería e Medio Ambiente, o Instituto de Ciencias Biomédicas Abel Salazar (Icbas) da Universidade do Porto e o Instituto de Ciencia e Innovación en Enxeñaría Mecánica e Enxeñaría Industrial (Inegi) de Portugal. 

Cómpre subliñar, ademais, que Acuaenergy é unha iniciativa en liña coa Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, aprobada pola Xunta en 2019 para implantar a cultura da eficiencia enerxética na sociedade e camiñar cara á neutralidade climática. Esta acción conta con máis de 317 millóns de euros xa executados a través de diferentes medidas e programas e está a acelerar a redución de emisións na comunidade por riba da media nacional e en liña cos obxectivos europeos.