Skip to main content
Comarca AMARIÑAXA

A Plataforma Sanitaria denuncia traslados ao Hula de pacientes con mamografías dubidosas

Por 6 Xuño, 2021Xuño 8th, 2021Sin comentarios

A Plataforma Sanitaria A Mariña denuncia que un gran número de mulleres están sendo derivadas cara ao HULA se “as mamografías do cribado de cancro de mama resultan dubidosas ou sospeitosas, para a realización de probas complementarias, coma ecografías, que ata agora se viñan facendo no hospital da Mariña”. “Nestes cribados habitualmente xenéranse un gran número de casos que precisan da realización de probas complementarias para completar o diagnóstico e que se facían no propio centro mariñao”, din dende a plataforma.

O colectivo sanitario advirte que esta é outra agresión máis á sanidade pública da comarca e ás mulleres mariñás por parte do goberno da Xunta, que de novo alonxan os servizos sanitarios públicos das veciñas e consideran ás persoas  da Mariña como cidadás de segunda clase, sen acceso aos servizos máis básicos cerca do seu lugar de residencia.

Segundo comenta a coordinadora da Plataforma, Montse Porteiro, “o servizo de radioloxía do hospital da Mariña leva moito tempo a medio gas, ao ter dúas prazas de radiólogo sen substituir, despois da xubilación dunha das profesionais e o traslado de facto da outra facultativa, razón que probablemente ten influencia nesta nefasta decisión de trasladar ao HULA a realización destas probas complementarias, que multiplican o grado de sufrimento e medo das mulleres que precisan confirmar se padecen ou non un cancro”.

As colonoscopias que se realizan tras o positivo na proba de cribado para cancro de colon foron as primeiras que se derivaron ao HULA, malia a dotación de dous equipos de endoscopias que existe no centro mariñao. “Se ben no seu día o Sergas alegou que estas derivacións respondían únicamente a razóns técnicas relacionadas cos equipos tecnolóxicos, desde este colectivo cremos que é unha estratexia máis do goberno galego para baleirar de contido os hospitais das áreas máis periféricas, en favor dos macrohospitais construídos nas capitais , seguindo a súa folla de ruta de centralización nas urbes da sanidade pública”, rematan dicindo.