Skip to main content
Lugo

O custo da demolición do Garañón alcanza os 970.000 euros

Por 15 Xuño, 2021Xuño 18th, 2021Sin comentarios

As torres do Garañón están próximas á súa desaparición. Unha conta atrás que busca converter o espazo que agora ocupa o esqueleto da construción nunha nova zona verde que dea continuidade ao Parque de Rosalía de Castro e ao cinto verde da cidade. 

Lara Méndez anunciou que, por unha banda, o executivo local someterá ao Pleno deste mes a aprobación dunha modificación de crédito para darlle cobertura económica á derruba do inmoble e, pola outra, que a Xunta de Goberno Local aprobará mañá a proposta elaborada dende Sostibilidade Urbana para escoller os usos dos terreos nos que se atopa a edificación. 

Así o ano pasado foi adxudicada á empresa GAU Arquitectura e Urbanismo unha asistencia técnica para que elaborase un estudo de alternativas que seguiran esas tres premisas, do que saíron catro solucións que van dende a conversión de todo o espazo en zona verde até un porcentaxe de edificación menor ao que ocupa agora o Garañón, que é o máximo permitido polo Plan Xeral. 

Logo de que todas as opcións foran avaliadas e informadas polos técnicos municipais, e co obxectivo de desprendelas de calquera carga política e/ou ideolóxica, elaborouse “unha proposta baseada na interpretación obxectiva, mediante unha cualificación numérica, na que se concilian os tres parámetros a ter en conta, en tanto resulta imposible, por exemplo, realizar unha determinación métrica ou cuantitativa exacta dun concepto como pode ser o impacto visual”, dixo a rexedora. 

Deste xeito, a Xunta de Goberno de mañá validará a denominada como Alternativa 0 sendo esta – segundo sinalou Álvaro Santos – a que implica eliminar o aproveitamento lucrativo en todo o ámbito, manténdose, non obstante, as cesións existentes de equipamentos que se sitúan en conexión co viario interior das costas do parque e a explanada no pavillón para optimizar a súa funcionalidade e versatilidade. 

Despois do trámite que se realizará mañá, o Concello dará traslado da resolución a GAU para que inicie a Fase 1 do contrato e, no prazo de tres meses, reúna a documentación necesaria co fin de remitirlla á consellería de Medio Ambiente aos efectos da avaliación ambiental estratéxica do proxecto de modificación puntual do PXOM. 

Paralelamente, o Goberno de Lara Méndez, en base ao procedemento de execución subsidiaria e no caso de non acometer o propietario dos terreos o derribamento do Garañón, habilitará este mes a consignación orzamentaria necesaria para levalo a cabo de forma inmediata. Será precisa a aprobación do Pleno de maneira que, esta mesma mañá, os grupos da Corporación foron informados ao efecto.  

A alcaldesa de Lugo, referiu que, segundo consta no informe elaborado polo xefe do Servizo de Arquitectura, para a demolición haberá que ter en conta varios factores. Un deles é a localización, mais ao tratarse dunha construción illada facilitará a súa execución dende a propia parcela. Tamén cómpre ter en conta o tamaño, pois sendo este maior, máis complexidade e custo revestirán os traballos e a xestión e transporte do entullo xerado. Importantes igualmente son o tipo de estrutura e os materias, neste caso formigón e fábrica de ladrillo, que poden ser reutilizables a través de procesos sostibles; así como o seu estado, normal, coas afeccións propias dunha estrutura abandonada e a accesibilidade ás torres que é boa, a través das calzadas existentes”, indicou Lara Méndez. 

Pola súa parte, o concelleiro de Sostibilidade Urbana adiantou, así mesmo, que, tendo en conta que a demolición se pode realizar por diferentes métodos – manual, mecánica, combinada, ou incluso voadura controlada – enténdese axeitado licitar a obra a través dun contrato mixto de redacción de proxecto e execución da demolición, xa que diminuiría o custo da operación que, de maneira estimativa, alcanza os 969.641 €.