Skip to main content
Lugo

Lugo Monumental insta a reposición das mesas da praza de Abastos

Por 24 Xuño, 2021Sin comentarios

Hai algúns meses o Concello tomou a decisión de retirar as mesas de uso común que había na planta superior da praza de Abastos, situadas na zona norte do edificio. Estas mesas eran un dos habituais puntos de encontro de placeiros e un lugar para que os clientes puidesen tomarse un respiro durante as súas compras.

Ademais teñen a gran vantaxe que para moitos titulares de concesións da praza de Abastos supoñía un lugar estratéxico en que poder facer descansos sen afastarse demasiado dos seus postos, algo que botan de menos.

Dende a asociación Lugo Monumental “expuxemos reiteradamente ao Concello a problemática que se causou con esta retirada, unha medida que se tomou utilizando unha normativa autonómica que, sorprendentemente, non se aplicou noutros puntos de idéntica cualificación xurídica”.

“Con todo, como asociación respectuosa coa legalidade que somos, tras recibir un escrito o día 16 de abril en que se nos indicaba que a normativa non permitía a dotación de mesas de uso público en espazos como a praza de Abastos, non volvemos insistir sobre ese asunto”, sinalaron dende a asociación.

Así mesmo, según Lugo Monumental a normativa modificouse e actualmente levantouse a prohibición en que se baseaba a decisión do Goberno Local.

“Tendo en conta que é un servizo moi demandado polos usuarios deste espazo, entre os que destacan os propios placeiros e empregados dos postos, xa que é moi cómodo poder ter un lugar onde facer un descanso sen ter que saír do edificio, e a crítica importancia que teñen estas mesas para a supervivencia económica da única cafetería da praza de Abastos cuxo titular se ofreceu reiteradamente a efectuar a limpeza das mesas entre cada uso dos seus clientes, solicitamos a reposición das devanditas mesas en canto a nova normativa entre en vigor” apuntaron.

Ademais, defenden que se recolleron firmas dos interesados e interesadas, para poder demostrar a importancia do feito, que se achegaron o día 7 de abril.

Dende a asociación confían en que se atenda esta petición, “apoiada pola inmensa maioría das persoas que viven día a día a praza de Abastos e que isto permita reconducir unha situación non só inxusta, senón daniña para algún dos industriais que só pretenden gañar o seu sustento nun edificio de titularidade municipal”.