Skip to main content
Lugo

O PP lugués propón o desmantelamento dos paneis solares do Ceao

Por 29 Xuño, 2021Sin comentarios

O Partido Popular propón ao Goberno bipartito que desmantele os paneis solares do Ceao hoxe convertidos nun residuo urbano xa que “a primeira ollada calquera pode comprobar o avanzado estado de deterioración que sofren os distintos elementos que o conforman”.

Desde o Grupo Popular razoan esta proposta indicando como “neste momento nin se pode gozar deste espazo como zona verde, nin se pode aproveitar a infraestrutura que o PSOE montou hai 14 anos coa idea de fomentar o uso de enerxías alternativas”.

O Partido Popular advertiu desde o primeiro momento do fracaso deste parque de enerxías alternativas que se inaugurou en 2007 e no que se malgastaron preto de 800.000 euros”. “Confírmanse os nosos peores prognósticos: estamos ante o que foi unha montaxe propagandística do PSOE e que nos venderon como un modelo sostible de enerxía limpa chegando a falando de obter beneficios de 16.000 euros anuais por esta instalación cando, finalmente, de todo o anunciado o único que se contabilizaron son uns beneficios de 9.400 euros que se rexistraron durante os poucos meses nos que nos consta que funcionou a planta”.

Desde o Grupo Popular entenden que despois dos continuos despropósitos desta infraestrutura é hora de tomar unha decisión definitiva sobre esta instalación “obsoleta e abandonada que recibe aos que entran á cidade desde a autovía pola entrada do polígono do Ceao”.

Antonio Ameijide avanzou que o seu grupo solicitará que se estude a posibilidade de crear neste espazo unha infraestrutura útil para o polígono como podería ser “un punto de recarga de vehículos eléctricos, un espazo para aparcar, ou zona de esparexemento … adaptando o chan á normativa necesaria”.

Nese sentido presentarán unha batería de preguntas en comisión para saber que ten previsto facer o bipartito cun das iconas dos despropósitos do goberno do PSOE esperando que a historia non se repita cos novos anuncios de Méndez e o seu equipo.