Skip to main content
Lugo

A AECC conta con novas instalacións en Lugo

Por 1 Xuño, 2021Sin comentarios

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, animou hoxe á Asociación Española Contra o Cancro a continuar coa súa extraordinaria labor de apoio e asesoramento aos doentes de cancro nas novas instalacións que estrea nun local cedido polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións. A subdelegada participou esta mañá, xunto co director provincial da Seguridade Social, Juan José Rodríguez Gude, e outras autoridades, no acto de inauguración do Novo Espazo da AECC.

Isabel Rodríguez felicitou á presidenta da AECC de Lugo, Marí Luz Abella, e ao resto da xunta directiva polo traballo de rehabilitación e acondicionamento do novo local, onde os usuarios disporán dunhas magníficas instalacións situadas nunha zona moi céntrica y facilmente accesible.

Rodríguez explicou que o Goberno está sempre disposto a colaborar e facilitar o traballo de entidades sociais que desenvolven un labor tan valioso para os lucenses e expresou a súa satisfacción por “ter axudado a que se dea apoio nas mellores condicións e con todo o confort posible, ás persoas que sofren cancro e ás súas familias”. Destacou tamén que esta colaboración do Goberno coa AECC permitiu  “darlle unha nova vida a un local que levaba varios anos pechado e sen uso, sufrindo o deterioro propio do paso do tempo”. 

“Penso que darlle un uso social é o mellor que podemos facer con este local que forma parte do patrimonio público, e a Asociación Española contra o Cancro de Lugo ten acreditada unha longa traxectoria de traballo ao servizo da sociedade lucense”, destacou a subdelegada do Goberno. 

Case 500 metros cadrados

O local, situado no Carril dos Loureiros, número 17, de Lugo ten unha superficie de 477,56 metros cadrados, distribuídos en plantas baixa e primeira. Nel tivo a súa sede a Dirección provincial do Instituto Social da Mariña ata que trasladou as súas oficinas, en novembro de 2012, a un inmoble novo situado na rúa Músico Xosé Castiñeiras.

A Seguridade Social cedeu o uso destas dependencias á AECC a finais de 2018 mediante un acordo de colaboración no que se establece que a Tesourería Xeral da Seguridade Social facilita o uso do local á xunta provincial de Lugo da Asociación Española contra o Cancro que, á súa vez, faise responsable do acondicionamento, instalación, conservación, mantemento e demais gastos e impostos que lle correspondan, entre os que se inclúe o IBI. 

A Asociación Española contra o Cancro, que leva máis de 60 anos de actividade en Lugo, presta apoio psicolóxico, atención social e orientación sanitaria a enfermos de cancro e aos seus familiares.