Skip to main content
A Pastoriza

A historia rexorde no Castro de Saa

Por 27 Xuño, 2021Sin comentarios

Tras tres semanas de traballos na sexta escavación do castro de Saa, os arqueólogos atoparon un machado de bronce máis antigo que o propio castro e tamén destaparon dúas estancias circulares da primeira fase de ocupación.

O Castro de Saa comezou a sexta campaña das escavacións con sorpresa e abrindo novas liñas de investigación. Nesta sexta sesión os traballos consisten na limpeza, escavación e consolidación das estruturas, todo elo novamente financiado integramente polo Concello da Pastoriza.

Os obxectivos desta campaña consisten en escavar cen metros cadrados máis en dirección norte, que supón a continuación das dúas campañas anteriores, levantando en dous sectores.

Un destes é a muralla, onde se continúa traballando descubrindo o paramento interior e a parte superior para a súa consolidación.

O outro sector no que se traballa é en seguir descubrindo a estrututa da vivenda, que estaba parcialmente rematada xa de escavar en sesións anteriores e que descubriu dúas habitacións e un vestíbulo.

Agora mesmo están na terceira semana de escavación e os resultados son bastante bos, como subliña o director da escavación, Emilio Ramil, “tanto dende o punto de vista da conservación da estrutura doméstica, como da propia muralla”. A sorpresa foi que practicamente ao inicio da excavación, cando retiraban o derrube da muralla, atoparon un machadiño de bronce de talón e dous aneis que a tipoloxía coincide cunha aixola, é dicir, unha ferramenta que usaban para traballar a madeira.

Os expertos dataron este achado no bronce final, entre o 1.200 e 800 antes de Cristo, antes da Idade do Ferro, polo que o sitúan anterior ao propio castro, posiblemente de 600 anos antes.

“O que pasa con este material de bronce, noutros casos ten saído algún noutra escavación similar e logo aparece en depósitos ocasionalmente ou en achados casuais, dinos que non se corresponde coa cronoloxía do castro. Este tipo de material simplemente conservouse e reutilizouse. É algo como o que facemos hoxe en día, que o mantemos como recordo dun material antigo”, explica Ramil. O que si ten é pegadas de uso, e que foi utilizado realmente para traballar a madeira.

Pero non é este o único achado ata o de agora, xa que seguen a atopar restos de todo tipo de cerámica, tanto da época castrexa como da galaico romana, así como outro material de construción como clavos de ferro, algún bronce (parte de fígula e algunha lámina) e logo muíños de mao. O ano pasado saíran 5 ou 6 muíños, xa que traballaron máis ben na zona da cociña, onde había unha lareira e varios postos de lume.

Pero día a día seguen aparecendo pequenas xoias da historia. Ademais da recuperación completa da estrutura de tres habitacións, están a desvelar a existencia de dúas construcións novas, que semellan circulares, posiblemente da primeira fase de ocupación do castro, ou sexa, de época totalmente castrexa. Unha delas, moi próxima á muralla, está rota pola posterior edificación da vivenda galaico romana.

A segunda destas vivendas é oval, tamén que se corresponde coa primeira etapa de ocupación. Aínda que todo está en proceso de investigación, como explica Emilio Ramil, xa que teñen por diante dúas semanas para seguir ampliando os coñecementos.

Tras estes traballos as conclusións e aportacións á historia son moitas xa que se trata dun castro moi ben conservado e en cada unha das escavacións se foron cumprindo os obxectivos previstos “aínda que aparecen novidades como a do machado, pero o resto se vai correspondendo coas estimacións previas”, subliña Ramil.

Pero ademais do machado, nesta sexta escavación destaca a aparición das estruturas circulares como unha gran aportación á investigación. “É a primeira vez que saen estruturas circulares, castrexas e iso nos está falando la histórica do castro e as dúas épocas que coexisten”, conclúe.