Skip to main content
Burela

Burela renderalle este ano homenaxe ao bonito dun xeito diferente

Por 14 Xullo, 2021Sin comentarios

Burela renderalle este ano homenaxe ao bonito dun xeito diferente co obxectivo de garantir a seguridade sanitaria, en palabras do alcalde, Alfredo Llano. Non haberá Feira do Bonito ao xeito tradicional con degustación de túnido en diferentes preparacións no peirao, pero o príncipe azul estará presente na hostalería local, que ofrecerá tapas e menús elaborados con este produto. O obxectivo é seguir potenciando e promocionando deste xeito o bonito de Burela. 

O rexedor sinalou que “onte tivemos unha reunión amistosa con parte da restauración, dos bares e da Acia local. Tratábase de presentarlles a iniciativa que queremos facer este ano e compartir con eles, tanto desde o Concello como desde Ledicia, porque estivo presente no encontro a presidenta desta asociación”.

Llano subliñou que “este ano non imos facer a Feira do Bonito tal e como se viña realizando, non é  posible, a normativa sanitaria aconsella non facer este tipo de eventos, entón imos garantir a seguridade sanitaria desta maneira. Non podemos facer a feira como se viña realizando de xeito tradicional ofertando unha serie de pratos cociñados alí no peirao, preparacións todas elas moi saborosas e elaboradas co obxectivo de promocionar, de distinguir  e de darlle importancia á pesca no noso pobo”.

O alcalde de Burela dixo que “non haberá feira, pero si que teremos outras cousas, haberá actuacións musicais, actividades lúdicas durante a primeira fin de semana do vindeiro mes de agosto. Pero ao non haber feira pensamos en facer algo que tamén chame a atención sobre a pesca e sobre a captura desta especie e ao mesmo tempo que promocione a nosa hostalería e tamén Burela”.

Alfredo Llano engadiu que “nesta cita gastronómica, que estamos a deseñar, participarán todos aqueles bares e restaurantes que o desexen, con tapas, con menús ou con creacións para eses días. Vai ser practicamente unha semana de promoción do túnido para recoñecer a súa importancia. Pensamos que esta iniciativa é importante para o sector hostaleiro, para Burela e para Ledicia porque seguimos fortalecendo a Feira do Bonito e a pesca, algo moi importante no noso pobo”.