Skip to main content
Viveiro

O Concello de Viveiro adhírese ao novo fondo de impulso económico

Por 27 Xullo, 2021Sin comentarios

O Concello de Viveiro aprobou en pleno adherirse ao novo fondo de impulso económico do goberno central, unha iniciativa planificada para que as administracións locais manteñan os seus servizos sen necesidade de subir taxas e impostos.

A medida aprobouse cos votos a favor de PSOE, Por Viveiro e o concelleiro non adscrito Luis Manuel, e a abstención de PP e BNG. Desta forma, o Concello pode seguir amortizando débeda pero obtén facilidades adicionais para o seu pago, co obxectivo de manter os servizos nestes tempos complicados de pandemia.

Estes fondos puxéronse en marcha na época de Mariano Rajoy como presidente do goberno, manténdose co actual goberno de Pedro Sánchez, facilitando o pago das débedas municipais.

“Son ferramentas e fondos que as administracións poñen a disposición dos concellos e temos que solicitar, xa que asumimos moitas competencias impropias e queremos manter os servizos sen aumentar a presión fiscal”, asegura a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

Nesta nova convocatoria, os concellos tiñan de prazo entre o 15 e o 27 de xullo para realizar as súas correspondentes solicitudes, que debían ser aprobadas polo pleno da Corporación Municipal. 

Co anterior contrato de préstamo vixente, o concello tiña que amortizar en 2022 1,3 millóns de euros, mentres que con esta nova adhesión pagará 500.000 euros, dispoñendo polo tanto de máis recursos para servizos e necesidades.

O goberno municipal de Viveiro cumpre cos seus compromisos cos préstamos concedidos, e proba delo e que dende o exercicio 2014, no que tiña un saldo en préstamos de 13,7 millóns de euros, amortizou preto de 4,5 millóns, para rematar ao peche do exercicio 2021 con 9,3 millóns de euros. Na actualidade amortiza anualmente 373.611,11 euros.