Skip to main content
Becerreá

Becerreá acolle un curso de mellora xenética da abella negra galega

Por 30 Xullo, 2021Xullo 31st, 2021Sin comentarios

Xa está programado entre os vindeiros martes 3 e mércores 4 de agosto un curso de mellora xenética e selección da abella local negra autóctona galega. A acción está programada no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Becerreá.

A iniciativa constará de dez horas lectivas, a metade teóricas e a outra metade prácticas. Deste xeito, para abordar a selección de exemplares, nas sesións tratarase a poboación de abellas, a cría, o comportamento de defensa, a tendencia á enxamia e a produción de mel. Tamén a mortandade natural por varroase, o nivel de infestación da varroa e como acometer tests de hixiene, co establecemento dunha colonia de ensaio a partir dun núcleo.

Seguidamente, instruirase sobre a preparación da nova colmea, a súa forza e saúde, a selección de cadros de abellas, a transferencia de cadros na nova colmea e a comprobación do volume de abellas en comparación co alimento necesario. Por último, de cara á fase de reprodución, formarase sobre a cría de raíñas, a fecundación natural e a fecundación artificial.

Máis aló do obxectivo concreto do curso, a acción persegue fomentar a competitividade e a eficiencia dos recursos apícolas contribuíndo á sustentabilidade da economía rural, así como impulsar o desenvolvemento de pequenas explotacións que poidan ser viables economicamente, facilitando a entrada no sector de apicultores adecuadamente formados. Nesa liña, quérese fomentar tamén a transferencia de coñecementos e innovación aos produtores para alcanzar os obxectivos da Estratexia Europa 2020 dun crecemento intelixente, sustentable e integrador. Ao tempo, perséguese apoiar a prevención e a xestión de riscos nas explotacións apícolas e restaurar, preservar e mellorar os ecosistemas relacionados coa apicultura.

Este curso de mellora xenética e selección da abella local negra autóctona galega está dirixido a persoas vinculadas coa agricultura, a gandería, a industria agroalimentaria e o sector forestal ou con expectativas de incorporación, en especial mozos e mozas do rural galego. Cómpre lembrar que se conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.