Skip to main content
Becerreá

Comezan os traballos de reestruturación da parcelaria de Guilfrei, en Becerreá

Por 25 Abril, 2024Sin comentarios

A Consellería do Medio Rural inicia os traballos da reestruturación parcelaria de Guilfrei, en Becerreá, que prevé reorganizar unha superficie de 441 hectáreas divididas en 1.871 parcelas, propiedade de 142 veciños. O orzamento previsto ascende a máis de 1,3 millóns de euros.

Representantes da Consellería desprazáronse ao lugar xunto con técnicos da empresa que resultou adxudicataria do contrato para a preparación das bases e o plan de ordenación de predios de especial vocación agraria da zona. Os traballos a realizar inclúen investigar a propiedade das terras, que consiste na recollida dos datos persoais dos propietarios, así como da documentación acreditativa do dominio das parcelas a favor de quen as posúa en concepto de donos e a das súas posibles cargas ou gravames.

Igualmente, é preciso revisar e actualizar, no seu caso, o levantamento topográfico da superficie, delimitar o perímetro definitivo da zona, elaborar a clasificación das terras e levar a cabo todos os traballos de campo e cálculos previos necesarios para o estudo detallado da situación actual.

Ao igual que o resto de parcelarias decretadas nos últimos anos, o proceso declarouse mediante a Lei de mellora de estrutura territorial de Galicia (Metaga), que busca aumentar a base territorial das explotacións e reducir os seus custos de produción. Desta forma, en Guilfrei veranse beneficiadas 31 explotacións agropecuarias.