Skip to main content
Lugo

Lugo acolle unha manifestación para protestar polo incremento do prezo do kWh

Por 5 Xullo, 2021Sin comentarios

A Asociación Cidadá Contra a Letra Pequena – Con Lupa convoca unha manifestación en Lugo coa que queren denunciar e protestar contra o incremento do prezo do quilovatio (kWh), “impulsado polas compañías eléctricas para manter os seus millonarios beneficios, e que, xunto co novo sistema de tarifas, representa unha nova e abusiva suba da factura da luz para as familias, as explotacións agrarias, as pequenas e medianas empresas, o comercio e a hostalería, os e as traballadoras autónomas…, do noso país”.

Ademais, defenden que a luz eléctrica é un ben de primeira necesidade, imprescindible para desenvolver calquera actividade, por iso, de ter que pagar un imposto indirecto como o IVE, este ten que ser do tipo superreducido do 4%.

Por outro lado, según sinala a asociación, “Galiza produce electricidade a esgalla, exportando máis do 30 %, sen que isto repercuta nun menor custe do recibo da luz para nós. Aquí asumimos os custes económicos, sociais e ambientais de producila sen recibir nada a cambio. E máis, o ser unha tarifa única, temos que compensar no noso recibo, entre outros, parte dos custes que supón o transporte e a perda de enerxía que se produce no traslado da electricidade a outros territorios do Estado”.

Por todo iso, Con Lupa, convoca unha manifestación que se vai celebrar o xoves, día 8 de xullo, ás 18 horas, con saída da praza Mártires de Carral (fronte ao parque de San Roque), co que buscan esixir unha enerxía xusta e sostible e unha tarifa eléctrica galega que abarate a factura da luz para todos os galegos e galegas.

Con Lupa convida á veciñanza de Lugo e provincia a participar e manifestarse “en contra do abuso das eléctricas e a favor dunha rebaixa inmediata da factura da luz”.