Skip to main content
Lugo

Inauguración dun skatepark en Lugo con polémica

Por 16 Xullo, 2021Xullo 17th, 2021Sin comentarios

O Concello de Lugo amplía as súas instalacións deportivas coa apertura dun skatepark na tarde de onte, que permitirá a práctica dos deportes urbanos de acción máis demandados, que está ubicado entre a rúa Veiga Grande e a avenida Fabio Paulo Máximo, ao carón entre outras dependencias deportivas municipais.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do concelleiro de Deportes, Mauricio Repetto, procedeu a apertura desta área, “que integra diversos elementos que permitirán o seu uso tanto para debutantes como para usuarios avanzados xa que dispón de distintas superficies, plataformas e liñas de fluidez”.

Para animar a apertura, a área de Deportes programou unha sesión de baile da Escola de Danza Gravity e de música, amenizada por Salvador Ruído e os seus conectores, tres Dj locais.

Instalacións

A rexedora lembrou que o investimento municipal ascendeu a 215.000 euros e que a garantía da obra é de cinco anos.

Según o Concello “construíu unha área nunha superficie de 1.580 m2, cunha pista de 887 m2, que servirá para a práctica das dúas modalidades principais do skateboarding: street e park, mantendo unha proporción e relación entre as dúas zonas”.

“A dotación inclúe a bañeira, que ocupa aproximadamente 200 m2 dentro do coping, no centro da instalación. Os elementos do skatepark que a rodean inclúen unha semi pirámide, un quarter, apto para multitude de trucos de todos os niveis; unha esquina elevada de Street, coroada por un mini bank e que cae cara á plataforma principal por un plano inclinado suave cun hubba e un rail, aptos para patinar en todas as posicións” sinalaron.

North Skateboarding Club Lugo

Un dos colectivos de referencia na cidade de Lugo no mundo do skate como é North Skateboarding Club Lugo, transmitiu un comunicado explicando a súa decisión de non tomar parte como club na inauguración do novo skatepark “esto débese a que non se nos tivo en conta e non existiu unha comunicación construtiva con nós en ningún momento, mostrando unha falta de saber facer e de respecto hacia aquelas persoas que levamos toda a vida practicando este deporte”.

Así pois, dende o club, deixan claro o descontento e a indignación coa actual actuación do Concello no novo skatepark na que sinalan que, contando cun presuposto elevado, “o skatepark é moi limitado, con malos acabados e moi inferior a outros presupostos similares”. Engaden, ademais, que vistas as actuacións que se estaban a levar a cabo, alertaron ao Concello presentando informes e comparativas que non se tiveron en conta.

Por outro lado, consideran que moitas empresas de construción de skateparks aproveitan o momento de auxe deste deporte, así coma o descoñecemento de concelos e institucións para inflar presupostos sen que o resultado final se axuste aos mesmos; algo que se podería evitar se o propio Concello tivese máis comunicación co club.

De feito, poñen coma exemplo outros skateparks como o de Camas, en Sevilla, que ten unha superficie de 2.500 metros cadrados e tivo un custe de algo menos de 230.000 euros. Así mesmo, outro skatepark que poñen coma exemplo é o de Portonovo, que conta cunha superficie de 1.800 metros cadrados e tivo un custe de 170.000 euros. Por esta razón, consideran que, co presuposto co que se contaba, non se aproveitase a oportunidade de realizar un skatepark de calidade, que puidese chegar a ser referencia.