Skip to main content
Lugo

O museo de Lugo restaura tres carteis da exposición Iberoamericana de 1929

Por 20 Xullo, 2021Xullo 21st, 2021Sin comentarios

O Museo Provincial de Lugo levou a cabo traballos de restauración e conservación de tres carteis da súa colección de debuxo e gravado galego. Trátase de obras de Camilo Díaz Baliño, Manuel Bujados e Amando Suárez Couto realizados, por encargo da Deputación de Lugo, para a promoción do Cebreiro, Viveiro e Mondoñedo na Exposición Iberoamericana de Sevilla, que se celebrou en 1929.

Os carteis, en temple sobre lenzo, foron realizados por encargo da Deputación de Lugo, aproveitando o cambio de marco para mellorar as condicións de conservación e exposición, o persoal técnico do museo desenvolveu tarefas de conservación preventiva e restauración das obras: limpeza dos bastidores e as traseiras dos lenzos, limpeza superficial de po, fixación da policromía, redución das deformacións puntuais dos lenzos e unha mínima reintegración cromática.

O cambio de enmarcado supuxo a colocación dun vidro de protección con filtraxe da compoñente ultravioleta da luz, que evita o 70% desta radiación, co que se alongará a vida dos orixinais. Ao tratarse de obras moi delicadas debido á técnica de execución, (temple, material moi absorbente e pulverulento), o vidro evitará danos por depósito de sucidade superficial ou roces fortuítos, e protexerá os lenzos dos cambios medioambientais.

Tras os traballos realizados, desde este luns, os carteis poden verse de novo expostos na sala 24 do Museo de Lugo, como parte da sección de Arte Galega. Nos últimos meses, o equipo técnico do centro, dirixido por Aurelia Balseiro, tamén realizara tarefas de conservación e mellora expositiva nas obras das salas monográficas de Castelao, Castro Gil e Prieto Nespereira.