Skip to main content
Ribeira de Piquín

Aprobado de forma inicial o Plan básico municipal de Ribeira de Piquín

Por 1 Xullo, 2021Sin comentarios

Aprobado inicialmente o Plan básico municipal (PBM) de Ribeira de Piquín, o último dos nove concellos pioneiros en apostar por esta figura que logra superar este trámite e segue avanzando co fin de dotarse canto antes do seu primeiro instrumento de ordenación.

Na mañá de onte asinouse a orde de aprobación inicial do seu PBM, unha ferramenta pensada para que os concellos de menos de 5.000 habitantes e sen planeamento —37 en toda Galicia— poidan desenvolver certa actividade urbanística pero sen establecer criterios de crecemento urbano.

Neste sentido, subliñouse que Ribeira de Piquín foi un dos nove concellos que de forma pioneira empezou a traballar no seu propio plan básico e felicitouse polo feito de que, a día de hoxe, todos eles teñan xa aprobados inicialmente os seus respectivos PBM. 

Pola súa banda, o alcalde, Roberto Fernández, subliñou que o Plan básico municipal supón unha “solución urbanística” acertada para concellos que, como o seu, non teñen “posibilidades técnicas nin económicas” para facer fronte ao que supón a redacción dun PXOM.

Cómpre lembrar que para axudar e motivar aos municipios de menos de 5.000 habitantes sen planeamento a tramitar un instrumento deste tipo, o Goberno galego asumiu directamente a redacción do primeiro deles —o do concello do Páramo—  ademais de colaborar técnica e economicamente con outros oito concellos, que xa teñen nestes momentos moi avanzada a tramitación dos seus plans (Riotorto, Cartelle, Padrenda, Porqueira, Triacastela, San Xoán de Río, Trabada e Ribeira de Piquín).

Así, desde a aprobación inicial fai seis meses do Plan básico municipal do Páramo, Ribeira de Piquín é o quinto municipio que supera este trámite na provincia de Lugo e o noveno que o fai en toda Galicia, dando así un paso decisivo para dotarse dun marco urbanístico propio. De feito, a conselleira lembrou que o obxectivo da Xunta é que estes nove concellos que no seu día foron pioneiros ao apostar polos PBM poidan telos aprobados definitivamente a finais deste ano ou comezos de 2022.

Contido do plan

O documento aprobado inicialmente onte identifica no concello de Ribeira de Piquín un total de 55 asentamentos de poboación, dos cales 38 están clasificados como solo de núcleo rural —30 deles tradicionais, 4 de tipo común e outros 4 que combinan partes tradicionais e comúns—  e os 17 restantes como solo rústico.

Así mesmo, tamén cataloga os elementos do patrimonio cultural e natural do municipio merecedores dunha protección especial. Concretamente, o PBM de Ribeira de Piquín identifica 173 elementos —47 arqueolóxicos, 31 arquitectónicos e 95 etnográficos— , dos cales máis dun 60% (106) foron incorporados ao longo do proceso de elaboración do documento e os 67 restantes xa estaban identificados no Plan básico autonómico.