Skip to main content
A Pastoriza

Asapa renóvase e aposta polas celebracións

Por 24 Xullo, 2021Sin comentarios

A nova directiva da Asociación de Comerciantes e Empresarios da Pastoriza, Asapa, aposta por recuperar festas de tradición como o seguinte obxectivo, tralo cambio da feira a mensual e a renovación da imaxe e das redes sociais.

Unha nova directiva vén de poñerse á fronte da Asociación de Comerciantes e Empresarios da Pastoriza, Asapa, co ánimo de darlle un impulso a este colectivo que tivo a súa orixe no ano 2008 e que xa foi presidido anteriormente por dúas mulleres, Ana e Teresa.

O novo presidente é Marcos García Lombardero, que conta co apoio de tres mulleres na dirección, Sisi González como secretaria, Teresa Prado de tesoureira e María López ao cargo das redes sociais e márketing.

O primeiro dos cambios do novo equipo, que tomou posesión hai tres meses, foi a elaboración dunha imaxe corporativa, co seu propio logo, que xa é visible nas redes sociais, que están a tomar xa relevancia na comunicación municipal.

E é que a Asapa tiña unha importante actividade de sempre. De feito, era a encargada da celebración da festa do Requeixo, do Magosto e do Lume Novo de San Xoán, as tres deixaron de celebrarse, a última por culpa máis ben da covid. Ademais, a través dela celébranse tamén o Entroido e as festas patronais da Pastoriza, malia que para esta última hai unha comisión organizadora, pero todos os trámites pasan a través deste colectivo.

De feito, o seguinte paso do colectivo será recuperar as tres celebracións. “Estamos decididos a volver celebrar o Magosto e o Lume Novo pero o do Requeixo vémolo complicado, pero tentaremos facelo de todos os xeitos”, explica Marcos García. Esta celebración foi suspendida hai nove anos e tiña data de celebración a finais do mes de xullo.

CAPTACIÓN DE SOCIOS

O novo equipo directivo da asociación está a traballar agora mesmo na captación de socios. Actualmente son 32 pero esperan poder acadar os 60 negocios na propia capitalidade municipal e despois poder ampliarse ata o resto das parroquias.

Aínda que non é tan visible, o traballo nestes intres céntrase na oficialización de todo o feito ata o de agora. “Xa había socios e moitas cousas feitas, pero era todo de palabra, agora imos ir asentando as bases, tras rexistrala e dala de alta”, explica.

Coa aprobación das bases chega a ampliación da sociedad “imos visitando local por local, dámoslle a oportunidade de entrar co pago dunha pequena cota e se queren entrar ben e senón teñen a oportunidade de incorporarse cando queiran”, explica García Lombardero.

Así, un dos obxectivos da Asapa é que se incorporen todos os comerciantes da Pastoriza para facer máis forza “imos intentar facer un pouco de presión para que se fagan cousas no pobo, que todo o que poda celebrarse se faga, polo moito que reportan estas accións para a economía local. Que cando unha empresa faga o seu balance vexa que cando hai feria ingresa máis cartos, é dicir, que os cartos queden na Pastoriza e se movan aquí”, explica.

AS FEIRAS

Impulsar a actividade era unha prioridade, así unha das primeiras medidas que se tomaron foi o cambio da feira de ser semanal, os martes, a facer unha vez ao mes. A data escollida foi o primeiro sábado de cada mes. “Optouse por un sábado porque durante a semana contamos con moito movemento de veciños debido tamén ao centro médico pero a chegada da fin de semana implicaba unha caída dos visitantes”, engade.

Esta medida parece ter asentado xa que comezaron con 5 vendedores, pasaron a 9 e agora xa son 15 os postos que se colocan cada sábado de primeiro de mes na Pastoriza para a súa feira mensual, que intenta animarse con distintas actuacións para traer máis público. Non descartan seguir aumentando os postos “pero o importante é mantela”.

A seguinte feira será o 7 de agosto e xa para setembro, o día 4, que coincidiría coas festas patronais, a intención, xa que a comisión non ten previsto facer festa debido á situación pandémica actual, é traer un trío ou un dúo para poñer algo de música, aínda que todo dependerá das normas sanitarias vixentes nese momento.

Polo de pronto, este 6 de agosto, no día previo á celebración da feira, realizarase un sorteo nas redes sociais e no día da feira farase entrega do premio ao gañador.