Skip to main content
CervoO Vicedo

Cervo e O Vicedo contan co diploma de prata das praias sen fume

Por 8 Agosto, 2021Sin comentarios

A Rede Galega de Praias sen Fume acada este ano un total de 187 praias, sexan mariñas ou fluviais, de 77 concellos diferentes das catro provincias galegas. En consecuencia, na actualidade, o 37% das praias galegas, xa son “praias sen fume”, contribuíndo a promover unha vida sen tabaco, desnormalizar o seu consumo e tamén coidar o medio ambiente.

O obxectivo da Xunta é conseguir que, nos vindeiros anos, todas as praias galegas formen parte da rede. Este programa, no que Galicia é pioneira a nivel estatal, ten sido incorporado posteriormente por outras comunidades autónomas como Murcia en 2018, Andalucía, Asturias, Baleares e a Comunidade Valenciana en 2019 ou o País Vasco neste ano 2021.

As ultimas cifras de prevalencia na nosa comunidade autónoma (SICRI 2018), indican que o 16,8% da poboación galega fuma diariamente e, no grupo dos nosos mozos de 16-24 años, fano o 12,7%. Lograr que estas cifras baixen nos próximos años, aumentando a porcentaxe entre a poboación moza que non comece a fumar, é un obxectivo prioritario para a Xunta de Galicia.

Diplomas de ouro e prata

Neste 2021, acadan por primeira vez o diploma de ouro, totalidade das súas praias, os concellos de Bergondo, Ponteareas e Pontedeume, uníndose así a unha lista de 18 municipios con esta distinción, que inclúe tamén na provincia da Coruña aos concellos de Cabana de Bergantiños, Cedeira, Corcubión, Dumbría, Laxe, Mañón, Noia, Ponteceso e Rianxo; na provincia de Pontevedra a Baiona, Cerdedo-Cotobade, A Guarda, Redondela e Vilaboa e na provincia de Lugo a Barreiros.

Por outra banda, o diploma de prata acredita a aqueles concellos que teñen polo menos a metade das súas praias declaradas sen fume. Contan con esta acreditación un total de 11 concellos trala incorporación este ano de Soutomaior e Viveiro, que se unen deste xeito a Cambados, Poio e Sanxenxo na provincia de Pontevedra; Cervo e O Vicedo na de Lugo, e Cabanas, Camariñas, Fene e Ortigueira na da Coruña.

Nas praias sen fume non se pode fumar na zona do areal, quedando excluídas as zonas ao aire libre dos locais de hostalería situados nelas. Non existe vixilancia, nin sanción para o incumprimento, é unha elección voluntaria e persoal seleccionar unha praia sen fume como lugar de ocio, e polo tanto o seu cumprimento é unha responsabilidade persoal conseguindo así a participación activa da sociedade.

Pertencer á rede compromete ao concello a seleccionar praias que estean incluídas no censo oficial, colocar toda a sinalización e materiais de difusión facilitados pola Dirección Xeral de Saúde Pública e desenvolver no concello actividades ou accións encamiñadas a lograr unha sociedade libre de tabaco como actividades arredor do día mundial sen tabaco (31 de  maio), soporte para actividades levadas a cabo no ámbito escolar, charlas dirixidas a poboación sobre os beneficios de non fumar ou organización de “Grupos para deixar de fumar” para fomentar e facilitar o abandono de tabaco.