Skip to main content
Viveiro

Viveiro impulsa a compostaxe e loita contra o cambio climático

Por 20 Agosto, 2021Sin comentarios

O Concello de Viveiro continúa avanzando no seu programa de loita contra o cambio climático e defensa do medio ambiente Viveiro Sustentable. Na primeira campaña do programa, centrada na compostaxe, están involucradas máis de 200 familias, ás que o goberno local agradece o seu compromiso. 

A alcaldesa, María Loureiro móstrase satisfeita coa iniciativa “a boa resposta da veciñanza anímanos a seguir tomando medidas para protexer o noso medioambiente e reforzar o programa de compostaxe”.

O obxectivo do goberno local é chegar ás 300 familias implicadas no programa de compostaxe, polo que o Concello de Viveiro proporá unha nova recollida de composteiros o martes 24 e o xoves 26 de agosto entre as 17:00 e as 20:00 no Pavillón Municipal. 

O único requisito é ser veciño/a do Concello, ter un pequeno xardín ou terreo e estar disposto/a e motivado/a para formar parte deste proxecto educativo e formativo.

As persoas que recollan o composteiro recibirán unha chamada para completar os seus datos, tamén poden facelo nun formulario online antes ou despois da recollida. Logo disto recibirán a visita das Mestras Composteiras que farán o labor de formación para o mellor funcionamento dos composteiros.

Preténdese con esta aposta pola compostaxe que os residuos orgánicos xa non cheguen aos colectores da rúa, pechando así o ciclo da materia nos propios fogares. 

Para participar de forma gratuíta no programa pódese completar un formulario (https://cutt.ly/yhO5rrF), enviar un correo electrónico a  viveirosustentable@mediagesgm.com ou chamar ao número 675.507.832.

“Queremos animar á cidadanía a sumarse á iniciativa e que, como estas 200 familias, traballen por defender o medioambiente e loitar contra o cambio climático”, engade a alcaldesa. 

A iniciativa, de financiación europea, conta co apoio da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.