Skip to main content
Lugo

Entrevista: “Hai que apostar pola rehabilitación e facer unha cidade máis compacta”

Por 15 Agosto, 2021Sin comentarios

Dende Adega celebran a decisión da Confederación Hidrográfica en relación ao Fluvial e, en canto á cidade de Lugo, consideran que seguir urbanizando non ten sentido cando existen barrios en ruínas e con vivendas baleiras.

En relación ao Club Fluvial, que opina Adega sobre o rexeitamento da concesión por parte da Confederación Hidrográfica?

Dende Adega celebramos esta decisión porque por fin parece que se están quitando os privilexios a esta entidade. Ata o de agora tiña privatizado o río e contaba cun acceso restrinxido unicamente ás persoas socias.

Considera que se debeu facer antes?

Sí, porque todas as concesións que tivo o Club Fluvial estaban condicionadas a que tiña que cumprir a lei, e parte desa lei é a servidume de paso. O Fluvial ten portas, balados e muros que impiden que a xente transite pola beira do río. Se tes unha entidade ao pé do río, terás que cumprir as restricións de iso. Unha das cuestións fundamentais é o dominio público hidráulico, algo que non é só ata a beira do río, senón que tamén ten que ver coa zona de inundación do río. De feito, case todas as instalacións agás o que é o propio edificio están en dominio público hidráulico. A zona de servidume aínda iría algo máis arriba. O Fluvial tíñao con ese acceso restrinxido para os socios, algo polo que se lle emitiron numerosas sancións.

Recibiron queixas algunha vez en relación a iso?

A verdade é que sí. Por poñer un exemplo de que non se cumpren as leis, veu unha persoa dicir que o botaran daquela zona. O home tiña alí os fillos xa que están federados no Club Fluvial e cando quixo achegarse polo caneiro, o garda de seguridade do Fluvial botouno de alí. Ademais, sinalou que os pais que levaban os nenos e nenas pequenos ao club de piragüismo e non son socios, non poden acceder en ningún momento as instalacións, teñen que esperar aos fillos e fillas fóra do recinto.

Que opinan da construción do aparcadoiro realizado recentemente?

En relación ao aparcadoiro fixeron unha obra totalmente ilegal aproveitando o confinamento. Tallaron e asfaltaron no que é o propio dominio público hidráulico, é dicir, no río. Isto é unha barbaridade e, de feito, teñen sanción por parte do Concello e por parte de Patrimonio. Entendemos que hai que restaurar a zona a como estaba orixinalmente porque o asfalto nesa zona provoca unha perda de permeabilidade. Anteriormente, era un aparcadoiro de terra cunhas árbores e mantiña, por dicilo dalgún xeito, certa harmonía ambiental. Por iso, consideramos que é unha obra que terían que reverter ao estado orixinal.

E en canto ás pistas de tenis?

Sobre as pistas de tenis o que pedimos dende Adega é que se cumpra coa legalidade e quenes teñen que esixir iso son os da Confederación Hidrográfica. Dende ese organismo terán que facer estudos técnicos e dicir cales son as normas que teñen que cumprir. A nós canto máis naturalizado estea, mellor, pero sempre dende o ben común. Por tanto, nós en relación ao Fluvial o que pedimos é que se cumpra a legalidade establecida e que se quiten os privilexios que ata o de agora tivo. Iso vese por imaxes nas que se pode comprobar como as obras e as canchas foron comendo superficie ao río. Dende Adega pedimos que iso non continúe ocorrendo e o uso público do río.

En canto ao barrio ecolóxico de Lugo, consideran que é un proxecto atractivo a nivel medio ambiental?

No, o barrio pseudoecolóxico cremos que é unha campaña de márketing. Dende Adega, pensamos que a ecoloxía non é construír nin ocupar un terreo de novo. Se queres levar a ecoloxía e facer unha cidade sostible tes que levala aos barrios. Hai multitude de barrios que xa están construídos, xa temos unha cidade e en vez de expandila máis, ocupando terreos que poden ter valor, o que se debería facer é aproveitar o que xa está construído. Hai que aproveitar os recursos e facer a cidade máis eficiente, apostar pola rehabilitación e lograr unha cidade máis compacta.

Entón credes que é mellor rehabilitar barrios da cidade?

Sí, temos unha política urbanística que o único que pretende é continuar crecendo cando moitos barrios de Lugo están a caer e somos unha das cidades con maior porcentaxe de vivendas baleiras. Ademais, hai zonas que están urbanizadas e que están sen edificar, coma por exemplo no barrio de San Fiz. Hai leiras abandonadas, o sistema de recollida de lixo está precintado… Son barrios nos que se fixo unha inversión, se ocuparon e se tallaron carballeiras para estar nas condicións nas que están agora mesmo.

O plan xeral de Lugo que fixo o Concello está deseñado para 300.000 persoas cando Lugo é unha cidade coa poboación estancada dende hai unha década aproximadamente. Por esta razón, non ten sentido seguir urbanizando e facer un edificio simplemente polo feito de demostrar que se pode facer un edificio sostible de madeira. Que, de feito, dende o Concello vendérono coma un edificio de madeira autóctona cando é pino e eucalipto, unha barbaridade que axuda á confusión. Por iso, dende Adega consideramos que antes de seguir expandindo a cidade, hai que rehabilitar e deseñar unha cidade sobre o que xa hai. Iso é realmente ecoloxía.

Que barrios consideran que poden seguir ese exemplo de rehabilitación?

O barrio da Milagrosa, por exemplo, é un barrio que se podería rehabilitar, poderíanse dar axudas de vivendas e investir neses pisos que están baleiros e que se poden poñer a disposición de xente. As Gándaras é outro dos grandes exemplos, onde todo é terreo que xa está urbanizado pero no que non se habita. Desta maneira, tan só se continúa construíndo e vendendo un barrio multiecolóxico que non existe e que para nós é unha campaña de marketing.

En canto ao plan de tráfico, como vedes o feito de peonalizar a zona da Mosqueira?

A nós, dende Adega, todo o que sexa mellorar a mobilidade reducindo o emprego de automóbiles particulares de cara ao uso do transporte colectivo, parécenos ben. En canto a peonalización da Mosqueira non temos unha idea.

E no caso da Rolda Norte?

Non se poden construír novas vías para resolver problemas de tráfico. Para ir ao Hula hai solucións e vías suficientes. A Rolda Leste vai vir paralela practicamente á A6, realmente fai falta facer unha inversión de tantos euros? Realizar unhas obras de gran impacto? Realmente, ese impacto é necesario para unha cidade coma Lugo? Queren conectar a rotonda da Fonsagrada coa rotonda da Avenida de Madrid, que se conectan en Nadela. Lugo non é Madrid para ter que facer circunvalacións ao redor da cidade. De feito, a estrada faríase pola zona de Bosende, Barbaín e toda a contorna de Lugo e do Rato que ten unhas carballeiras e uns camiños tradicionais magníficos. De feito, en Lugo temos o privilexio de ter un contorno magnífico que, se seguimos así, acabaremos estragando.

E en canto á ampliación do Ceao, considérana necesaria?

Para ocupar unha superficie e urbanizar, ten que haber unha necesidade clara que en Lugo, actualmente, non hai. O polígono do Ceao conta cun estudio no que se avaliou a cantidade de naves baleiras que existe e o que hai agora mesmo edificado chega para unha década, dúas… Ademais, hai que mencionar que tamén se conta co polígono das Gándaras.

No caso do Ceao, a zona que se quere urbanizar é un espazo onde se atopan as nacentes do río Rato. Sendo Lugo como é, deberíase deixar esa zona e facer un parque periurbando, así coma conectar a zona do Miño e do Rato. Toda esa zona ten unha gran importancia para a calidade do aire da cidade xa que forma un cinto verde que funciona contra o cambio climático.

Ademais, pensamos que o Concello debería propoñer máis a conservación de lugares naturais que ten o entorno da cidade e aproveitalos; ese paso que hai en Lugo do rural á cidade e que aínda continúa é algo que se debería valorar coma positivo. Por iso, criticamos esa ocupación desmedida e ese pensamento de ocupar por ocupar.