Skip to main content
Lugo

O PP de Lugo pide o acceso á Fabrica da Luz para comprobar o seu estado

Por 10 Agosto, 2021Sin comentarios

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, anunciou que na mañá de onte o seu grupo rexistrou un escrito pedindo acceso á Fábrica da Luz para poder comprobar o estado real destas instalacións, despois de que o goberno local xa efectuase os primeiros pagos pola indemnización que o concello ten que pagar a empresa concesionaria desta instalación.

Ameijide sinalou que o primeiro dos pagos foi de 150.000 euros e explicou que “imaxinamos que xa realizaron o segundo, que se tiña que realizar antes do 1 de xuño por valor de 1.560.242,16 euros”. “Vemos como a maior parte da indemnización se debería de ter pagado, restando unicamente un pago de 750.000 euros cando o goberno local dea o visto e prace á entrega das turbinas que a empresa concesionaria entregará ao Concello de Lugo, polo que xa non hai escusas para que nos impidan o paso, xa que o edificio é de titularidade municipal”, afirma.

Un edificio que ten un gran potencial turístico e económico para o Concello de Lugo, pero que “pode ser un gran fracaso xa que nin Lara Méndez nin Rubén Arroxo saben que facer con esta dotación. Falamos dun edificio que cunha localización moi boa e cunhas posibilidades de aproveitamento económico no río excepcionais, polo que agora preguntamos tanto a alcaldesa como ao vicealcalde se teñen previsto solicitar unha nova concesión para este edificio ou pensan abandonalo como abandonaron Lugo”.

Unha situación “preocupante” pola que os concelleiros do Grupo Municipal Popular queren coñecer o estado da Fábrica da Luz, de aí a nova petición de acceso ás instalacións. “Sempre negaron a entrada no edificio argumentando que estaba a disposición da concesionaria, agora que esa escusa xa non lles vale non deberían de vetar a nosa entrada, a non ser que teñan algo que agochar”, dixo. Os concelleiros populares pediron acceso ao edificio para este xoves ás 10.30 e, no caso de que exista algún problema, tamén pediron acceder o venres no mesmo horario.

Antonio Ameijide tamén aproveita para recordar que hai un acordo plenario, de xuño de 2020, tomado a iniciativa do Partido Popular, no que “se pide que sexan os políticos responsables do fracaso do proxecto da Fábrica da Luz os que paguen a indemnización que provocaron e que ascende a 2.434.332,16 euros, un expediente que a día de hoxe non se iniciou polo que todo apunta a que Lara Méndez segue a protexer os seus intereses persoais e os dos seus compañeiros de partido”.

Ante esta situación, os concelleiros populares afirman que “non imos permitir que tenten que paguen os lucenses esta indemnización que provocaron os gobernos do PSOE coa complicidade do BNG, polo que se non inician o expediente de inmediato, pediremos responsabilidades tanto a Méndez e Arroxo”.

Ameijide clarifica que “non pode ser en ningún caso que os veciños de Lugo asuman o pago derivado da irresponsabilidade da xestión política que levou a este desenlace, tras unha tramitación que xa se prevía que estaba condenada ao fracaso dende o seu inicio, polo que deben ser os verdadeiros responsables os que paguen a indemnización, quen deixou caducar a concesión e quen non respondeu aos requirimentos que periodicamente lle facía a Confederación Hidrográfica Miño-Sil, os responsables políticos deben asumir as consecuencias da súa falta de acción”.