Skip to main content
Lugo

Mañá saen á venda as entradas do Caudal Fest 2021

Por 17 Agosto, 2021Setembro 20th, 2021Sin comentarios

Mañá, mércores 18 de agosto, saen á venda as entradas do Caudal Fest 2021. As datas nas que se levará a cabo esta cita serán do xoves 16 de setembro ao sábado 18, sendo a última gran cita do verán lucense.

O festival adáptase este ano ás circunstancias sanitarias, contando con aforo limitado, coas medidas de seguridade e prevención e seguindo a normativa actual. Deste xeito, contará cun formato terraza, é dicir, os asistentes gozarán do espectáculo sentados e con mesas, e o aforo estará limitado a 2.500 persoas por día.

Así pois, as entradas para cada día poderán mercarse a partir das 12 horas do mediodía. O xoves 16, o prezo da entrada será dende os 29 euros máis gastos, o venres 17 será dende os 22 euros máis gastos e, o sábado 18, será dende os 29 euros máis gastos.

Poñeranse á venda entradas para cada día de forma individual, non existen abonos para varias noites. Poderanse adquirir ata un máximo de 8 entradas nunha mesma compra e será necesario introducir todos os datos (nome, apelidos, DNI, teléfono). Os menores de 16 anos, necesitarán acceder cun proxenitor/titor legal, mentres que con 16 e 17 anos necesitarán un impreso de autorización.

As portas abriranse ás 18 horas o xoves e ás 17 horas o venres e sábado. Haberá concertos ata as 00:00 horas, suxeito aos posibles cambios que se debesen a futuras restricións. Para poder acomodarse grupos de conviventes xuntos, haberá que chegar ao mesmo tempo para ser asignados in situ.

Para máis información ou para máis respostas a diferentes dúbidas sobre o festival ou a venda de entradas, pódese consultar a páxina web do festival https://www.caudalfest.es/entradas/

A celebración do evento será, como en edicións anteriores, no xardín do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo no que existe espazo suficiente para levar a cabo as medidas sanitarias, ademais de ser ao aire libre.

O cartel deste ano conta con moita variedade musical, ademais de ser atractivo e de calidade. De feito, hai grupos que xa actuaron outros anos e que queren repetir nunha data marcada no calendario. Love Of Lesbian, Kutxi Romero de Marea, La M.O.D.A., Bad Gyal, Toundra, Sen Senra, Nathy Peluso, Iván Ferreiro, Ladilla Rusa e o local David Prado son os artistas que participarán nun festival inesquecible e único que cumpre este ano a súa terceira edición. Un cartel de alto nivel para que Lugo goce dun festival de categoría.