Skip to main content
Lugo

Rematan os traballos de adecuación do Fogar de Santa María

Por 22 Setembro, 2021Sin comentarios

José Tomé Roca supervisou o resultado da rehabilitación integral acometida nos pavillóns 1 e 2 cun investimento superior aos 1,7M€. Nas dependencias remodeladas funcionan xa os servizos de Recadación, Medio Ambiente, Cooperación cos Concellos, Formación e Asesoría Xurídica.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, visitou este martes as instalacións provinciais que foron remodeladas pola institución no Fogar de Santa María, onde quedaron situados os servizos de Recadación, Medio Ambiente, Cooperación cos Concellos, Formación e Asesoría Xurídica. Tomé Roca supervisou o resultado dos traballos de rehabilitación integral que se acometeron nos pavillóns 1 e 2 cun investimento de máis de 1,7M€, e aproveitou para ter un encontro cos traballadores provinciais logo do seu traslado este verán.

“Desde estas instalacións ofrécese xa un mellor servizo á cidadanía, tanto pola propia localización e características das novas dependencias, como polas mellores condicións de traballo do persoal da Deputación. Aquí teñen un espazo amplo, luminoso, confortable, funcional e deseñado ao detalle para cumprir coas necesidades administrativas dos diferentes servizos que trasladamos desde o Pazo de San Marcos, o edificio de sindicatos e o local situado na calle Tui”, sinalou José Tomé.

Xunto ao Presidente, acudiron ao Fogar de Santa María a Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Ribera Capón, a Deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, o Deputado de Participación Cidadá, Roberto García Pernas, o Deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, a Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, o Deputado de Medio Ambiente, José Luis Raposo, o Deputado de Recursos Sostibles, Roberto Fernández Rico, e a técnica responsable do contrato de traslado, Ana Mera.

O presidente lembrou que unha vez realizada a demolición interior, fíxose un novo proxecto para manter este edificio senlleiro e histórico da cidade de Lugo e da provincia, pasando do arranxo contemplado nun primeiro momento á recuperación integral de dous edificios. José Tomé explicou que este é “un edificio que forma parte do patrimonio da provincia de Lugo, que está catalogado e protexido e que pertence á obra dun arquitecto de renome como Luis Bellido, que firmou tamén actuacións singulares na cidade como o edificio do Círculo das Artes”. José Tomé explicou que “nesta actuación utilizáronse materiais que permitiron actualizar estas instalacións respectando a súa tipoloxía”.

REFORMA INTEGRAL

A Deputación de Lugo acometeu unha reforma integral do antigo Fogar de Santa María para adecuar os pavillóns 1 e 2 ás necesidades de uso da administración provincial, conservando as fachadas e os elementos estruturais orixinais dos edificios, realizando unha nova distribución e renovando as instalacións garantindo a accesibilidade. As fachadas exteriores conserváronse na súa totalidade, substituíndo a carpintería de madeira por outra de aluminio, con despece e cor idénticos, buscando manter a estética, mellorar o aforro enerxético e o illamento térmico. O orzamento dedicado a estes traballos foi de 1,78M€.

Nas dúas edificacións substituíronse as cubertas, mantendo os elementos catalogados. O interior de ambos pavillóns demoleuse practicamente na súa totalidade e en ambos casos aproveitouse a planta baixa e a primeira para usos administrativos, mentres que o baixo cuberta utilízase para arquivo e outras necesidades. Tamén se acometeu a instalación do saneamento, mantemento dos muros exteriores, climatización e electricidade para ambos pavillóns.

Na planta baixa do pavillón 1, cunha superficie útil de 684 metros cadrados, sitúase o servizo de Recadación. No primeiro andar, de 739 metros cadrados útiles, instaláronse o servizo de informática de Recadación, o servizo de Cooperación e Asistencia aos Concellos, o servizo de Medio Ambiente e a sección de Formación.

No pavillón 2, con 338 metros cadrados en cada unha das dúas plantas, instalouse o servizo de Asesoría Xurídica.

A HISTORIA

O conxunto arquitectónico coñecido como Fogar de Santa María, antigamente Hospital de Santa María, foi unha das obras máis necesarias e complexas levadas a cabo en Lugo entre a década dos anos vinte e dos anos trinta, e sen dúbida unha das actuacións municipais máis importantes da cidade no século XX. As obras comezaron en 1918 e, destináronse para o proxecto 1.600.000 pesetas da época. Os traballos encargáronse a Luis Bellido, un arquitecto que gozaba dun gran recoñecemento logo das obras do novo Matadero de Madrid e do edificio do Círculo das Artes en Lugo.

En 1920, a cargo dos donativos particulares, procedeuse á disposición dos terreos para o novo hospital, 20.300 metros cadrados ao pé da Muralla. O conxunto proxectado daquela estaba composto por 9 pavillóns, dispostos ao longo dun eixo en dirección noreste-sureste, comezando na Ronda da Muralla e rematando onde hoxe está a rúa Monte Picato.

Adxudicada a obra ao enxeñeiro Leandro Madinaveitia, as obras comezan de xeito oficial en 1921 coa colocación da primeira pedra nun acto presidido polo bispo da diocese, Frey Plácido Rey Lemos.

A inauguración do hospital tivo lugar o 29 de xuño de 1930, pero durante a II República o edificio sufriu un abandono progresivo. Sen cartos para sufragar o seu mantemento, o 8 de maio de 1936 o Pleno Municipal acorda que a Deputación se faga cargo do hospital e da casa de beneficiencia, e o 25 de maio de 1941, cédese á institución provincial o uso de varios pavillóns por un período de 99 anos. Un acordo que se mantén a día de hoxe.