Skip to main content
A PastorizaCastro de Rei TERRACHÁXAComarca TERRACHÁXA

Supervisan as obras da vía que une Castro de Rei e Campo do Oso

Por 16 Setembro, 2021Setembro 17th, 2021Sin comentarios

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou xunto ao Alcalde da Pastoriza, Primitivo Iglesias, os traballos de mellora que a institución provincial está acometendo na estrada LU-P-1106 con preto de 170.000€, no treito que conecta Castro de Rei con Campo do Oso pasando por Reigosa.

As obras afectan a uns 4 quilómetros da estrada, entre os puntos quilométricos 16,9 e 20,4. Xa están executados os labores de reapertura de cunetas e agora estase procedendo ao aglomerado en quente para realizar posteriormente a sinalización horizontal.

O mandatario provincial subliñou na visita, na que tamén participaron os deputados de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, a importancia destas obras.  “Esta vía soporta un elevado volume de tráfico, pois é moi utilizada pola veciñanza para comunicarse con Mondoñedo e os concellos da costa. Ademais, soporta o tráfico que se dirixe a unha canteira situada no núcleo de Xemil, xustamente por onde transcorre a estrada”, indicou o Presidente.

A vía mantense cortada neste treito dende o inicio dos traballos para o correcto desenvolvemento das obras. A institución provincial mantén instalada unha sinalización informativa e habilitados desvíos, co obxectivo de que o corte afecte o mínimo posible aos usuarios e usuarias desta vía.

A mellora da mobilidade é unhas das prioridades marcadas polo Presidente, eido no que decidiu aumentar as partidas nun 14%, ata acadar os 16M€, no Orzamento deste ano. José Tomé subliña que con todas estas actuacións na rede viaria provincial, a máis extensa de España, con 4.200 quilómetros, e tres veces superior á da Xunta en Lugo, a Deputación de Lugo segue traballando “nun dos nosos principais obxectivos, como é a mellora das comunicacións viarias, necesarias para aumentar a calidade de vida dos veciños e veciñas, e favorecer a igualdade de oportunidades e o reequilibrio territorial”.