Skip to main content
Burela

O Concello de Burela recolleu 314 gafas coa campaña As miñas lentes as túas lentes

Por 21 Outubro, 2021Outubro 24th, 2021Sin comentarios

O Concello de Burela recolleu 314 gafas do 14 ao 19 de outubro coa campaña “As miñas lentes as túas lentes”, que puxo en marcha a Delegación de Medio Ambiente en colaboración con Urbaser e Médicos Mundi, con motivo da celebración do día internacional da visión.

A concelleira Toñi Eijo dixo que “ao longo de 4 días, dende o 14 ao 19 de outubro, en horario de 10:00 a 14:00 e de 16:30 a 19:30 h, instalouse un stand en diversos puntos do pobo: na Praza do Concello, en Arcadio Pardiñas, Pardo Bazán e na Praza da Mariña, para recoller aquelas lentes que a poboación xa non necesitaba, e así darlles unha segunda vida, e desta forma axudar ás persoas que máis o precisan”.

A edil de Medio Ambiente explicou que “as lentes recollidas, despois de ser sometidas a un proceso de selección e clasificación, serán enviadas aos proxectos de saúde visual para a súa distribución entre a poboación afectada por cegueira, principalmente en Marrocos, Burkina Faso e Guatemala. As lentes que non sexan reutilizadas serán destruídas ecoloxicamente separando os diferentes compoñentes e procedendo á súa reciclaxe”.

Toñi Eijo entregoulle a persoal de Urbaser todas as lentes recollidas, un total de 314. A concelleira burelesa subliñou que “o certo é que estamos moi contentos coa acollida desta iniciativa, que demostra unha vez máis a gran solidariedade dos nosos veciños e veciñas, polo que non descartamos participar en máis campañas solidarias”.

Eijo agradece “a colaboración a toda a cidadanía que atendeu esta chamada á solidariedade”.