Skip to main content
Burela

O sector hostaleiro de Burela xa pode solicitar as axudas para paliar os efectos da pandemia

Por 27 Outubro, 2021Sin comentarios

No Boletín Oficial da Provincia foron publicadas as bases reguladoras das axudas ao sector hostaleiro do Concello de Burela, que están destinadas a paliar os efectos da pandemia do covid19. Os hostaleiros dispoñen dun mes para presentar a documentación e os xustificantes de pago das taxas de lixo e de auga correspondentes a novembro e decembro de 2020 e xaneiro e febreiro de 2021. O concelleiro de Turismo e Comercio, Ramiro Fernández, destacou que o equipo de goberno está a cumprir co acordado no seu día co sector hostaleiro. A contía destinada a estas axudas é de 30.000 euros.  

Fernández Rey contou que “saen publicadas no Boletín Oficial da Provincia as bases reguladoras das axudas para o sector da hostalería no termo municipal de Burela, para paliar os efectos da pandemia. Son unhas bases que tíñamos comprometidas xa hai tempo co sector, despois de falar con eles, e constan basicamente de eliminarlles o pago da taxa de lixo e de auga durante 4 meses”. 

O concelleiro de Turismo e Comercio explicou que “están a disposición dos interesados na sede electrónica de Burela, onde poden baixar os impresos que hai que cubrir. O importe total das axudas vai ascender a 30.000 euros e para ser beneficiario da axuda evidentemente hai que cumprir coa lei estatal de subvencións públicas”. 

O edil burelés subliñou que “o que se vai subvencionar neste caso é o último bimestre do ano 2020, novembro e decembro, e o primeiro do 2021, é dicir xaneiro e febreiro. O único que hai que facer é presentar o xustificante de pago desas facturas de auga e de lixo e automaticamente xa, en canto poidamos, resolveremos e devolveremos eses cartos que se gastaron en auga e lixo para todo o sector hostaleiro e de ocio nocturno de Burela”. 

Ramiro Fernández insistiu en que “isto era un compromiso do equipo de goberno cos hostaleiros. En varias reunións que mantivemos con eles foi o que acordamos”. O edil burelés aludiu tamén á exención das taxas das terrazas e ás axudas ao comercio. 

E lembrou: “temos que recordar que sacamos unhas axudas para o comercio no seu día. Isto é froito do diálogo e da negociación con este colectivo e esperamos que estas axudas sirvan para paliar os efectos desta tremenda pandemia que vimos de pasar. Os trámites administrativos retrasaron a súa publicación, pero xa poden solicitalas e teñen un mes para facelo a partir de hoxe”.