Skip to main content
O Vicedo

Realizarán obras de reforma no CEIP do Vicedo

Por 5 Outubro, 2021Sin comentarios

A Consellería de Cultura, Educación e Universidade adxudicará nos próximos días as obras en numerosos centros de ensino da provincia de Lugo, entre os que se atopa o Ceip do Vicedo, no que se farán obras de mellora e reforma das instalacións cun orzamento que de preto de 240.000 euros (237.172,95 euros).

Os traballos consisten nunha mellora xeral da carpintería do centro. No bloque principal do edificio centraranse na instalación de falso teito rexistrable en aulas da planta baixa e planta primeira, ademais da instalación de luminarias Led.

O groso do traballo será a instalación de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidros de dobre acristalamento, baixo emisivos, acústicos e de seguridade e cámara de aire intermedia en planta baixa e planta primeira, ademais do trasdosado de placa de cartón xeso sobre carpintería.

Completarán co pintado de paramentos nos que se substitúen as carpinterías interiores. Reforma de aseos de alumnado en planta baixa e planta primeira e illamento de fachada polo exterior con sistema tipo Sate ou similar.

Completarán os traballos coa instalación de illamento térmico sobre forxado de baixo cuberta e substitución de baixantes e canlóns ademais de instalación do solado de formigón no patio. No bloque infantil realizarase a reforma de aseos de aulas en planta baixa e a substitución de cuberta en módulo de aseos de planta baixa.

O prazo de execución destes traballos é de dous meses e o período para que as empresas presenten as súas ofertas xa rematou polo que se espera que se adxudiquen en breve e podan empezar as obras antes de que finalice o ano.