Skip to main content
Lugo

González Formoso reivindica en Lugo que “sabemos gañarlle á dereita”

Por 6 Outubro, 2021Outubro 7th, 2021Sin comentarios

Valentín González Formoso achegouse onte a Lugo no día do San Froilán, 5 de outubro, onde mantivo un encontro coa alcaldesa socialista da cidade, Lara Méndez”, onde destacou que “para nós Lugo é unha referencia no ámbito municipal” e reivindicou que “xa sabemos gañarlle á dereita nas administracións que están máis preto da cidadanía”.

“Lugo é o proxecto máis lonxevo do socialismo municipalista galego, a cidade na que máis tempo leva gobernando o Partido Socialista e onde o anterior alcalde, o compañeiro Pepe Orozco, xa implantou reformas socialistas que agora a compañeira e amiga Lara Méndez estende a ámbitos tan esenciais como a protección social”, afirmou o candidato á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE.

González Formoso fixo fincapé na “nova cara que se pretende dar a Lugo, vinculada ao acordo europeo polo medio ambiente, onde é unha referencia no noroeste do país e tamén a nivel nacional” e lembrou que “aquí ademais hai un emblema claro desde hai moitos anos: os socialistas saben gañarlle á dereita a través da fórmula de estar ao carón da xente, de escoitar á cidadanía, de saber cales son as súas problemáticas e, sobre todo, ao compromiso de non só sinalar os problemas se non de sinalar tamén solucións a estes”.

Pola súa parte, Lara Méndez, valorou o modelo que o candidato ten para o PSdeG e coincidiu na necesidade de “ter un partido forte, un proxecto que sume dentro para gañar fora e seguir sendo ese partido integrador porque non hai nada máis de esquerdas que tender a man a todo o mundo”. A rexedora lucense tamén subliñou que “as grandes transformacións” como a que se leva anos facendo en Lugo “que vai da man da sociedade, desde o punto de vista de facer cidades máis amables, máis integradoras, e onde a transformación económica sexa fundamental” deben ser trasladadas polo partido cara Galicia.

Galicia non ten cor política, é de quen a entenda

Formoso rexeitou a idea de que Galicia sexa de dereitas. “Ser de dereitas neste país é permitir que o Partido Popular goberne nas institucións e a miña traxectoria di o contrario. Na provincia da Coruña, por primeira vez na historia da democracia, ostentamos máis alcaldías que o Partido Popular, a pesar dos compañeiros que dicían que era territorio do PP”.

“Son os mesmos que teñen a idea de que somos terceira forza política porque en Galicia ten que gobernar o PP pero hai que entender Galicia, hai que atendela, escoitala e, sen resignación, quero dicir moi alto desde Lugo, unha bandeira socialista, que Galicia é de quen a atenda, non ten cor política xa que é un territorio con identidade propia e que se vai a por a carón de aqueles que resolvan os seus problemas e que teñan un proxecto que xere ilusión”, afirmou, ao tempo que deixou claro que “o Partido Socialista non pode renunciar a Galicia, esa é a esencia do proxecto que eu lidero e que coincide con moitos compañeiros e compañeiras”.

González Formoso apelou á necesidade de facer “autocrítica” porque “os galegos e as galegas non son do Partido Popular” e rememorou que por primeira vez na historia, o Partido Socialista gañou as eleccións xerais e goberna en 111 concellos e 3 Deputacións. Sen embargo, un ano despois, a cidadanía  votou ao PP maioritariamente nas autonómicas. “Esa autocrítica é á que a dirección actual do partido debe facer”, rematou.

Por último, incidiu en que “non podemos ter un partido con cicatrices permanentes e alguén que non sexa capaz de cicatrizar feridas pode ostentar a representación máxima do partido en Galicia, o que temos que facer é, non só reter talento, se non que hai que captalo, hai que abrir as portas, ilusionar á cidadanía e saber que o PSdeG que vén esixe que esa xente se implique co seu país”.