Skip to main content
Lugo

O Vello Cárcere acolle a mostra Cultura e Tradición no Camiño

Por 10 Outubro, 2021Sin comentarios

O Vello Cárcere acolle a mostra Cultura e Tradición no Camiño que é organizada anualmente por Traxandaina coa colaboración da área de Cultura e que celebra este ano a súa quinta edición.

A esta cita acudiron o tenente alcalde, Rubén Arroxo, xunto coa edil de Participación, Cristina López, e Alexandre Penas, concelleiro de Infraestruturas Urbanas, para desfrutar dunha cita consolidada no programa do San Froilán que permite á veciñanza de Lugo desfrutar da mostra de dous artesáns cada día das festas do San Froilán.

O Vello Cárcere conta coa presenza do ouriveiro Adolfo Domínguez, e do fabricante de gaitas Lis Latas, ambos artesáns procedentes de Lugo e que gozan dun gran recoñecemento no seu eido de traballo. A mostra conta tamén coa exposición de traxes tradicionais galegos de Traxandaina, formada a partir dos resultados obtidos tras moitos anos de investigación, reproducción e recollida de vestimenta tradicional.

A mostra Cultura e Tradición no Camiño contará con Carmen Fieiras (cestaría) e Álvaro M. Leiro (confección de carozas)  durante a xornada de hoxe domingo 10.

O luns 11 será a quenda de Ton Arena que levara adiante unha demostración de confección de títeres e Raquel León mostrará os seus traballos de encadernación e pecharán a mostra o vindeiro martes 12 o alfareiro Marcelo Skapinakis e a orfebre Carla Alfaia.

O obradoiro de artesanía Traxandaina conta cun gran recoñecemento entre o tecido cultural galego. Contan con múltiples recoñecementos polo seu traballo recuperando o traxe tradicional galego, entre o que destaca o premio Artesanía de Galiza. Encárganse tamén de vestir a parte da corporación municipal co traxe tradicional no Domingo das Mozas.