Skip to main content
FriolFriol TERRACHÁXA

O MAPA outorga o segundo premio á innovación para mulleres rurais a unha iniciativa friolense

Por 9 Outubro, 2021Sin comentarios

O alcalde de Friol e responsables de Traloagro nunha imaxe de arquivo do día da inauguración

O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación concedeu os Premios de Excelencia á Innovación para Mulleres Rurais que, na súa decimosegunda edición, distinguen os traballos de 12 iniciativas para a posta en valor das mulleres no medio rural, ademais dun recoñecemento honorífico.

O ministro Luis Planas entregará os galardóns o próximo 14 de outubro, un día antes da conmemoración do Día Internacional das Mulleres Rurais. Nesta edición de 2021 concedéronse tres premios por cada unha das catro categorías convocadas: Excelencia á innovación na actividade agraria, Excelencia á innovación na actividade pesqueira e acuícola, Excelencia á innovación na diversificación da actividade económica do medio rural ou zonas costeiras rurais e Excelencia á comunicación. O recoñecemento honorífico concedeuse a Pilar Carboeiro Zalduegui, a primeira muller membro da Real Academia de Enxeñería.

O MAPA convoca anualmente estes premios desde 2010 co obxectivo de dar visibilidade ao labor das mulleres rurais na diversificación da actividade económica e as actuacións emprendedoras no territorio. Desta forma, o ministerio mostra o seu compromiso coas políticas que impulsan a igualdade de xénero plena, favorecen o acceso ás mozas á actividade agraria e fomentan a diversificación económica no medio rural, o que contribúe a frear o despoboamento das contornas rurais.

A relación de premiados na categoría de excelencia á innovación na actividade agraria abriuse cunha empresa de Castelló, Agroforestal de Penyagolosa S.L., produtora de árbores micorrizados con trufa negra e dedicada tamén ao cultivo agroecológico de hortalizas e trufas de secaño en alta montaña, sobre unha superficie de sete hectáreas.

O segundo premio correspondeu a Traloagro, empresa familiar situada en Friol que produce, transforma, elabora e comercializa carnes ecolóxicas certificadas bovina e avícola de produción propia. Conta cun biocentro cárnico e slow food, para o despezamento, almacenamento, elaboración e maduración da carne, e unha ecotienda que ofrece máis de 1.200 variedades de produtos ecolóxicos frescos, envasados e a granel, propios e doutros produtores de proximidade.

O terceiro premio obtívoo GBlactics S.L, explotación gandeira de gando caprino, situada na localidade de Torre d´En Besora (Castelló), de menos de 200 habitantes. Produce leite de cabra para a súa venda directa, aínda que tamén comercializa carne de cabrito ecolóxica e queixos baixo a súa propia marca, ademais de esterco para o abonado de parcelas.

O alcalde de Friol, José Ángel Santos afirmou que “Friol debe de sentirse orgulloso” e enviou os seus parabéns “a toda a familia, un orgullo contar con emprendedores deste tipo no noso municipio, o traballo ben feito comeza a obter resultados”.