Skip to main content
Lugo

O Concello manterá un encontro cos titulares de vaos de uso temporal

Por 11 Novembro, 2021Sin comentarios

A área de Facenda Local do Concello de Lugo cuantificou xa o número de persoas que se puideron ver afectadas polos cambios realizados en 2020 na Ordenanza municipal no que ten que ver coa regulación do uso temporal dos vaos: 48 dun total de 4.026 que neste momento se atopan en vigor no municipio.

A concelleira da área económica, Paula Alvarellos, convocará a vindeira semana ás persoas titulares destes permisos aos que a actualización da normativa lles supuxo un incremento da súa contía, co obxecto de manter unha encontro para escoitar as súas demandas e buscar unha solución á súa situación. “Unha das directrices do Executivo de Lara Méndez é sempre reunirnos coa veciñanza para abordar todas aquelas cuestións que lles preocupen e tratar de conciliar as solucións”, sinalou a edil.

“Este Goberno é moi consciente do momento no que nos atopamos debido ao contexto económico que xerou a pandemia. De feito, o Concello de Lugo foi pioneiro na implantación de medidas de apoio ao tecido produtivo local dende que se decretou o Estado de Alarma, ben a través de axudas directas (6M de euros), ben aplicando exencións, bonificacións ou adiamentos aos gravames locais para dotar de liquidez ás pequenas e medianas empresas de Lugo. Rebaixas que supuxeron, non se pode esquecer, a merma de 4 millóns de euros na recadación municipal de 2020. Porén, sendo sabedores das consecuencias que tería para as arcas locais, este Executivo non dubidou en poñerse ao seu carón para axudarlles a paliar os efectos que ocasionou a Covid 19, coa finalidade de contribuír á viabilidade dos seus negocios e tamén ao mantemento de moitos postos de traballo. E esa mesma motivación e compromiso é o que mantemos tamén neste caso”, afirmou a tenente de alcaldesa.

A edil de Gobernanza incidiu en que a modificación aplicada na taxa por aproveitamentos especiais da vía pública atinguiu, fundamentalmente, á supresión das categorías fiscais das rúas, “en tanto o custo que ten para a Administración local prestar este servizo – facer o rebaixe da beirarrúa, instalar a placa, enviar o guindastre a retirar un turismo mal estacionado, etc – é o mesmo en calquera punto da cidade, xa sexa na rúa da Raíña ou na Piringalla”, sinalou como exemplo.

“Trátase pois dunha cuestión de equidade fiscal e dun criterio que xa está en vigor na maioría dos concellos, xa que redunda na simplificación da tramitación administrativa”, engadiu Paula Alvarellos quen tamén indicou que os cambios introducidos non recibiron, no seu día, ningunha alegación por parte nin de ningún colectivo, entidade, asociación nin tampouco de particulares e, menos aínda, da oposición”.

Do mesmo xeito, Alvarellos Fondo recordou que existían tres sentenzas que recomendaban ao Concello actualizar o prezo das taxas municipais, logo de décadas conxeladas.

“A vontade do Goberno local non era, precisamente, a de subir os tributos – senón a de cumprir os ditames – e menos aínda nesta Ordenanza na que estimabamos unha recadación similar á do exercicio anterior porque a equiparación do rueiro podía supoñer o incremento do gravame nalgunhas vías pero a súa diminución noutras moitas”, aclarou a concelleira.

“De todos xeitos, comprometémonos a revisar esta circunstancia e a adoptar as medidas oportunas para acadar que a Ordenanza sexa sensible coas demandas da cidadanía, alcance o obxectivo de equidade fiscal coa que foi deseñada e permita ademais ao Concello cumprir a función recadadora que debe exercer para acadar a financiación necesaria coa que seguir prestando á veciñanza servizos públicos de calidade”, concluíu Paula Alvarellos.