Skip to main content
Lugo

A Deputación colabora coa celebración da I Feira L de Lugo

Por 23 Novembro, 2021Novembro 24th, 2021Sin comentarios

A Deputación de Lugo colabora coa celebración da I Feira L de Lugo, organizada pola Asociación de Distribuidores de Hostalería e Alimentación de Lugo (ADIS) do 27 ao 29 de novembro no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo. A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, anunciou un convenio de colaboración coa entidade para a achega de 15.000€ que axudará na celebración desta cita.

García Porto destacou que “coa chegada da crise sanitaria provocada pola Covid-19 dende a Deputación de Lugo anunciamos que estariamos a carón dos sectores que máis o necesitasen” e sinalou que este acordo demostra que “os distribuidores son unha actividade esencial para o funcionamento da hostalería e do comercio”.

Na presentación de L de Lugo celebrada este luns no Pazo de San Marcos, tamén estiveron presentes a concelleira de Desenvolvemento Local e Emprego, Ana González Abelleira, o presidente de ADIS Lugo, Eloi García, e outros representantes da entidade.

A institución provincial contará cun expositor nesta cita na que participarán máis de 100 stands. Ademais os asistentes poderán asistir aos showcooking, catas e exposicións de maquinaria específica para o sector. A cita estará aberta o sábado e o domingo ao público xeral e, será o luns, o día adicado aos profesionais.

A Deputada asegurou que “esta colaboración forma parte da nosa aposta por recuperar a economía da provincia. De darlle a man a quen máis o necesita”. “Nós estaremos nesta primeira Feira L de Lugo e agardamos que moitos veciños e veciñas da provincia se acheguen a coñecer todo o que esta cita está por amosar”, animou García Porto.