Skip to main content
Lugo

O BNG convoca unha concentración para reclamar un tren digno para Lugo

Por 24 Novembro, 2021Sin comentarios

O BNG de Lugo vén de convocar unha concentración para reclamar uns servizos ferroviarios dignos para a cidade. O portavoz do BNG de Lugo, Rubén Arroxo, explicou que “nos últimos orzamentos do Estado vemos como o goberno continúa a esquecerse de Lugo, non aceptando as propostas do BNG para mellorar a liña de Lugo á Coruña, nin para unir Lugo e Compostela”.

A concentración convocada polo BNG terá lugar este sábado, 27 de novembro de 2021 a partir das 11:30 na praza Conde de Fontao, diante da estación do tren.

O BNG defende o ferrocarril como o medio de transporte do futuro, apostando pola transición enerxética e a mobilidade sostible. Arroxo afirmou que “levamos anos vendo como os distintos gobernos do estado eliminan servizos e continúan a manter infraestruturas anticuadas, propias do século XIX”, e engadiu “a chegada do AVE a Galiza só supuxo que agora sexa máis rápido ir en tren de Lugo a Madrid que de Lugo a Compostela”.

O BNG reclama un servizo de cercanías que conecte as cidades e vilas galegas con boas frecuencias e prezos asequibles, que de un verdadeiro servizo á veciñanza, mellorando a situación económica e social en moitas vilas, ademais da recuperación dos servizos eliminados nos últimos anos e a modernización das infraestruturas e da maquinaria utilizada

Rubén Arroxo convidou a toda a veciñanza a acudir a esta concentración “para poñer a Lugo no mapa dos servizos ferroviarios, rematando con anos de recortes e eliminacións de servizos que son necesarios para as veciñas e veciños de Lugo”.