Skip to main content
Láncara

A Asociación Val de Láncara entrega o premio Ramón Piñeiro, Facer País a Luar na Lubre

Por 2 Novembro, 2021Sin comentarios

A Asociación Cultural Val de Láncara entregará o vindeiro sábado 20 de novembro o premio Ramón Piñeiro, Facer País. A asociación non puido celebrar os premios o ano pasado a causa da situación sanitaria, sen embargo, este ano volve a Láncara coa súa décimo novena edición.

Así pois, dende a asociación informaron que este ano, o premio recaeu no grupo de música folk Luar na Lubre, quen se suma á lista de personalidades e colectivos premiados dende o ano 2002, pola súa labor en defensa da cultura e lingua galega.

O premio será entregado por Xurxo Souto, cantante, escritor, actor e director galego que recibiu o galardón na pasada edición celebrada no ano 2019.

O grupo Luar na Lubre, nacido na Coruña en 1986, foi elixido entre 15 candidaturas propostas por persoas e colectivos da zona de Láncara. Así mesmo e, coma en pasadas campañas, o acto levarase a cabo en Carracedo, despois dunha recepción no Concello.

Ademais de Luar na Lubre e de Xurxo Souto, foron galardoados con este premio personaxes coma Xosé Neira Vilas, Marica Campo, Agustín Fernández Paz, Margarita Ledo, Isaac Díaz Pardo e Luís Tosar, entre outros.