Skip to main content
As Pontes

Conde anuncia que presentará alegacións ao proceso de transición xusta nos concellos da contorna das Pontes

Por 6 Novembro, 2021Sin comentarios

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asistiu en Ferrol á Mesa de Transición Xusta das Pontes para ofrecer toda a colaboración da Xunta aos 14 concellos que forman parte do protocolo das Pontes para que estean preparados e poidan presentar proxectos sólidos ás axudas que convoque o Goberno.

Conde avanzou que o Goberno galego chegou a un acordo no referido ao protocolo, unha vez que o Executivo central aceptou incluír o concello de Ferrol na delimitación desta zona de transición xusta, algo que se viña reclamando desde hai tempo debido ao impacto no porto.

Tal e como explicou, na reunión avaliáronse as axudas que se van centralizar desde o Goberno central a través do Instituto para a Transición Xusta. É o caso das que están dirixidas a financiar proxectos de infraestruturas ambientais, sociais e dixitais nos concellos, como pode ser a rehabilitación de edificios públicos para novos usos sociais ou apoio ao emprendemento, recuperación de espazos naturais ou posta en valor do patrimonio. En total investiranse 91M€. Estas axudas están destinadas aos 14 concellos e tamén á Deputación, mancomunidades, comarcas, consorcios locais e agrupacións de municipios.

O vicepresidente económico explicou que a Xunta presentará alegacións para reclamar a participación da Administración autonómica en todo o proceso de avaliación e selección de proxectos, xa que as axudas serán de concorrencia competitiva. Conde finalizou lembrando a importancia de traballar de xeito conxunto e a necesidade de que exista consenso e diálogo para conseguir unha transición realmente xusta e que achegue oportunidades para o desenvolvemento económico e social da comarca.