Skip to main content
Lugo

O orzamento municipal de Lugo será de 106,8 millóns de euros, case medio millón máis que o ano pasado

Por 10 Decembro, 2021Sin comentarios

O Executivo lucense presentou hoxe un proxecto orzamentario, que volve ser expansivo e solidario e continúa coas medidas implementadas este ano para saír reforzados da crise.

Os eixos dos orzamentos para o 2022 é manter o potente escudo social de protección á cidadanía, consolidar a senda da recuperación e diversificación económica que se puxo en marcha este ano e o avance na Segunda Gran Transformación de Lugo cara unha cidade sostible e verde na que as persoas son o centro de acción.

Estes están pensados para ser motor da reanimación da vida social e económica que comeza a ver a luz tras dous anos marcados pola dureza da pandemia e pola crise que conlevou.

As contas para o 2022 ascenden a 106’8 millóns de euros (106.876.755 euros), case medio millón máis que o ano pasado, o que supón un crecemento do 6’8% respecto ao exercicio do 2020.

A rexedora destacou o crecemento nun 31’1% das achegas procedentes do Estado pola vía participación nos seus tributos, que pasará de 17’5 millóns de euros a 23 millóns no 2022.

Ademais, o Concello recorrerá a endebedarse en 5’6 millóns de euros, “mecanismo que utilizamos por primeira vez nos orzamentos do 2021 desde que no meu mandato pasado acadamos a débeda 0”, sostivo Lara Méndez, que aclarou que “non descartamos que, como fixemos tamén neste ano, poidamos substituír esta fonte de financiamento polos aforros do remanente, unha vez que coñezamos as magnitudes de aforro estrutural derivadas da liquidación orzamentaria”.

A rexedora aseverou que “a previsión de recadación para 2022 remítenos a escenarios previos á pandemia e a implementación do fondo de capital emprendedor “Lugo Transforma” actuará como impulso de cambio económico da cidade, sen esquecer o indubidable efecto positivo que, como xa dixen, a chegada dos fondos europeos Next Generation vai ter sobre a actividade económica xeral”.

Políticas públicas para loitar contra a desigualdade
Lara Méndez apuntou que os orzamentos do 2022 destinarán para políticas sociais preto de 30 millóns de euros, o 28% do orzamento, co fin de acadar mellores niveis de calidade de vida, atender aos colectivos máis vulnerables e integrar aos sectores máis desfavorecidos, así como fomentar a oferta educativa, deportiva, cultural e turística.

Deste orzamento, destacan os preto de 12 millóns dirixidos aos programas sociais de benestar, persoas maiores e infancia, e o incremento dun 12’18% (454.335 euros) ao servizo de Axuda no Fogar, chegando ata os 4’2 millóns de euros, co fin atender aos maiores na súa contorna comunitaria o maior tempo posible.

Así mesmo, crecerá un 39% a partida de atención para os centros de día, cun investimento de 681.391’25 euros, e consolidaranse as axudas de emerxencia social e ao aluger, cun investimento de 600.000 euros, así como os programas de inserción social, cunha partida de 216.247 euros.

En relación ao Servizo de Igualdade e a Casa da Muller, o desenvolvemento do IV Plan de Igualdade e a prevención á violencia machista son os retos máis destacables, e contarán para iso con máis de 800 mil euros (808.070 euros).

A mocidade terá tamén un papel destacado, nunha área que contará cun orzamento de preto dun millón de euros para impulsar programas de lecer, formación e empregabilidade, e para a posta en marcha do Consello da Mocidade, mentres que para a promoción do deporte e da vida saudable destinaremos 3’3 millóns de euros.

Tamén valorou a rexedora outras partidas como grandes dinamizadoras da vida social e do comercio local, como as do festival Caudal Fest, con 217.800 euros, o Arde Lucus, seña de identidade da cidade que mantén a súa dotación de 350.000 euros, ou as festas patronais de San Froilán, que incrementan o seu crédito en 200.000, ata un importe de 1.000.000 de euros.

Investimentos públicos
A partida de investimentos públicos será un enorme revulsivo para mobilizar a economía e o emprego. Este ano ascende a 11’1 millóns de euros, que logo ascenderá a un mínimo de 20 millóns coa incorporación dos 8 millóns dos Fondos Next Generation solicitados para finalizar a peonalización do Casco Histórico e a actuación na Praza de Santo Domingo.

Cos investimentos seguen a apostar polo desenvolvementos dos barrios. Por iso achegaranse 1.200.000 euros para a posta en marcha do Plan de Intervención e Mellora de zonas de xogo infantil, 660.000 euros para a remodelación de espazos urbanos, prazas e xardíns, 2,5 millóns de euros para o avance das obras DUSI Muramiñae co fin de humanizar o barrio do Carme e impulsar a accesibilidade na contorna do Miño, así como na mellora do patrimonio. Outras das accións serán a peonalización da Calzada da Ponte, o Coliving artíctico municipal no Carme, a zona azardinada en lembranza da cidadanía en tempos da Covid.

Entre as partidas das cinco áreas dependentes da Tenencia de Alcaldía destaca que os investimentos teñen a finalidade de “continuar a avanzar na mellora de Lugo, facendo unha cidade máis amable para as persoas”. Ruben Arroxo afirmou que “estes orzamentos van permitir xerar emprego en Lugo e estabilizar o emprego xa existente, ademais de continuar coa mellora da cidade executada polo goberno de Lugo estes anos”.

Mellora da seguridade peonil
No tocante á área de Mobilidade e Infraestruturas, haberá un investimento de 150.000€ para a mellora da seguridade peonil na rúa Gallego Tato. “Integramos esta actuación dentro da mellora do plan de calmado de tráfico nos entornos escolares”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “estudaremos a peonalización desta rúa no treito entre as rúas Lavandeira e Magnolia, gañando unha nova praza á entrada do colexio Luís Pimentel”. Arroxo lembrou que “nestes anos executamos distintas accións de calmado de tráfico en todas as zonas escolares da cidade, entre outras medidas para garantir a seguridade das veciñas e veciños, como a senda peonil do colexio de Albeiros”. Tamén destinará 400.000€ para renovar a rúa Lamas de Prado. Rubén Arroxo explicou que “estudaremos a posible peonalización de Camiño Real entre Concepción Arenal e a Ronda, gañando un novo espazo para as persoas preto da muralla, nun treito que case non conta con tráfico rodado”. Anunciou partidas que en total suman 410.000€ para as renovacións das rúas Xesús Bal y Gay (210.000€) e da praza de Alicante (200.000€).

O plan de renovación de alumeado público en zonas urbanas e periurbanas continuará tamén no 2022 cunha partida orzamentaria de 300.000€ para renovar o alumeado e a pavimentación de Aquilino Iglesias Alvariño. Arroxo explicou que “esta actuación será un complemento á renovación de Lamas de Prado, que comezará en breves, para avanzar na mellora dun barrio que conta con máis de 15.000 habitantes”. Continuará coa renovación da rede de alumeado público nas rúas Hermanitas, Dinán e na praza de Bretaña, para o que reserva un orzamento de 270.000€. “Estes investimentos son rentables en pouco tempo xa que reducen amplamente o consumo eléctrico e reducen o impacto ambiental”, explicou Arroxo.

Arroxo anunciou tamén que a área de Mobilidade e Infraestruturas contempla partidas orzamentarias de 400.000€ para realizar actuacións nas zonas industriais e 800.000€ para renovar pavimentacións de calzadas e beirarrúas.

Melloras nos servizos e instalacións
No tocante á área de Participación, destacou un investimento de 190.000€ no Cemiterio Municipal. Entre as actuacións previstas, contémplase a renovación dos teitos dos nichos e diversas pavimentacións no recinto, tamén se creará un centro expositivo que contará cunha exposición permanente da historia do Cemiterio e do antigo cemiterio de Magoi.

Na Praza de Abastos e no Mercado Municipal, a área de Participación destinará 100.000€ para realizar distintas melloras. Renovarase a climatización tanto da praza como do Mercado, “unha demanda que tanto os distintos vendedores e vendedoras como as persoas que compran na Praza de Abastos e no Mercado levan moito tempo realizando, e que será unha mellora moi importante para mellorar unha instalación tan importante para Lugo como é a Praza de Abastos e o Mercado Municipal”, explicou o Tenente Alcalde. Ademais, adquirirase nova maquinaria para a limpeza e renovarase o mobiliario, co obxectivo de “seguir a potenciar unha instalación que está a ter un gran crecemento, especialmente por parte da xente nova, o que se pode ver os sábados coa campaña O noso mercado é un agasallo”, explicou Arroxo.

Investimentos culturais
A área de Cultura destinará 865.000 euros para a programación cultural do 2022. Desta forma seguen a traballar co tecido cultural local, apostando polas creadoras e creadores de cultura de Lugo, ao mesmo tempo que traen eventos de primeira calidade e recoñecidos a nivel galego, estatal e internacional.

O San Froilán 2022 contará con 1.087.000€ de orzamento, que permitirá facer unha nova edición da gran festa do outono galego con actividades de calidade. Adicaranse ademais 137.000€ para a promoción turística da cidade, “avanzando no obxectivo de colocar a Lugo como referente turístico á hora de visitar Galiza, e continuando co traballo realizado nestes anos”.