Skip to main content
Folgoso do CourelLugo

Dúas lucenses galardoadas a través do certame Talento Mozo

Por 13 Decembro, 2021Sin comentarios

Talento Mozo é un certame que se encarga de premiar as traxectorias e os proxectos emprendidos pola xuventude galega. Esta iniciativa promovida pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Politica Social, busca recoñecer e dar visibilidade ao enxeño e capacidade da mocidade en cinco modalidades: Ciencia, Cultura e creación, Deporte, Empresa e Rural.

Os premios Talento Mozo alcanzan este ano a súa segunda edición, que permitiu ao Goberno galego premiar as mellores candidaturas de 2020 e 2021 cunha dotación económica de 5000 euros por categoría.

A resolución desta convocatoria, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), premiará este ano na categoría de Ciencia o labor da investigadora Natalia Barreiro Piñeiro, natural de Vedra e residente en Santiago, e doutora en Medicina Molecular no CiQUS da Universidade de Santiago de Compostela. Na modalidade de Rural, o recoñecemento será para Lucía Seoane López, natural de Folgoso do Caurel e promotora do proxecto empresarial “Artesanía do Caurel”.

A viguesa Susana Rodríguez Gacio, pola súa banda, farase co galardón no eido de Deporte; mentres a lucense Sofía Prosper Díaz-Mor, quen posúe unha empresa tecnolóxica vinculada coa privacidade dixital, levará o de Empresa. O coruñés Alberto Miguélez Rouco, músico e profesional do canto clásico, pola súa banda, será o destinatario do premio na disciplina de Cultura e Creación.

Lucía Seoane López é a artífice do proxecto empresarial Artesanía do Caurel, unha proposta para visibilizar a necesidade e a posibilidade real de emprender no rural pola xuventude de maneira creativa, innovadora e sostible, empregando os recursos proporcionados pola natureza, como é a madeira. A iniciativa desta lucense é unha clara aposta pola visibilización dos oficios artesáns, a dinamización social e cultural dos traballadores manuais da madeira cos que aínda conta a zona e que foi parte da economía da zona nos tempos pasados.

O proxecto IUVIA, creado por Sofía Prosper Díaz-Mor e encadrada na industria 4.0, consiste nunha descentralización dos servicios da nube, centrada na privacidade dixital dos usuarios e usuarias e na súa soberanía tecnolóxica. Consta dun microservidor que se pode ter na casa e na oficina e permite aloxar de maneira fácil e segura o email, contactos, calendario e almacenamento. Premiado pola Axencia Española de Protección de Datos coma iniciativa de investigación científico-técnica cun enfoque estritamente práctico, permite aos traballadores compartir información e editar documentos de xeito colaborativo tendo a información na oficina ou noutro lugar seguro, sen precisar de terceiros que almacenen e procesen a información. Isto permite ao proxecto ter un impacto positivo en relación á crise económica derivada da COVID-19, xa que que pode permitir aumentar produtividade sen perder os requisitos de privacidade, así como achegar traballadores ao rural, cun acceso a súa propia nube de traballo.