Skip to main content
Abadín

Entra en funcionamento un punto limpo móbil en Abadín

Por 1 Decembro, 2021Decembro 2nd, 2021Sin comentarios

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda concedeu unha achega de 49.000 euros ao Concello de Abadín para poñer en marcha un punto limpo móbil, co fin de optimizar a recollida dos residuos urbanos.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, coñeceu o novo equipamento acompañado polo alcalde, José María López Rancaño. Arias explicou que esta liña de axudas da Xunta busca mellorar e ampliar a xestión de residuos especiais de competencia municipal, co fin de favorecer a súa axeitada recollida, clasificación e preparación para a reutilización. Tamén se contribúe a evitar a proliferación de puntos de vertido incontrolado en espazos naturais.

Arias apuntou que a través da última convocatoria concedéronse 12 axudas por un importe próximo aos 660.000 euros para a adquisición de puntos limpos móbiles por parte de 17 concellos lucenses. Así, beneficiáronse tamén As Nogais, Baralla, Folgoso do Courel, Trabada, O Páramo, Begonte, Paradela, Bóveda, Becerreá, Antas de Ulla e a agrupación conformada por A Pontenova, A Pastoriza, Meira, Riotorto, Pol e Ribeira de Piquín.

A medida vai dirixida a municipios de menos de 3.000 habitantes, que poden cubrir o 100% do custo da compra do vehículo, ata un máximo de 70.000 euros para unha solicitude individual e de 100.000 euros no caso de concellos agrupados.

Diferentes tipoloxías

As entidades locais poden escoller a tipoloxía que mellor se adapte ás súas características: un contedor/caixa metálica de gran volume ou un remolque e contedor metálico de gran volume, no caso de que xa dispoñan dun camión adaptado con equipo de gancho; un camión con caixa e chasis ou unha furgoneta adaptada con diferentes contedores ou compartimentos.

A Xunta contribúe así a mellorar e ampliar os servizos prestados pola rede galega de puntos limpos repartidos pola Comunidade, para a xestión de residuos especiais de competencia municipal -aqueles que carecen de sistemas ordinarios de recollida pero que son susceptibles de recuperación ou necesitan recollerse separadamente debido ás súas especiais características, como poden ser aceites vexetais usados, téxtiles, voluminosos ou medicamentos-.