Skip to main content
Cultura AMARIÑAXAViveiro

Isabel Méndez, CCHV: “Está claro que unidos se pode conseguir moito máis que de xeito individual”

Por 9 Xaneiro, 2022Decembro 18th, 2023Sin comentarios

Paseando polo centro comercial histórico de Viveiro poderemos atopar practicamente o mesmo que nun centro comercial convencional das grandes cidades distribuido en pequenas tendas onde o trato con encanto familiar non desmerece a calidade do produto

Por Ana Somoza López.

Falamos con Isabel Méndez, xerente do CCHV.

Que é o Centro Comercial Histórico de Viveiro?

O Centro Comercial Histórico de Viveiro é a asociación de comerciantes, empresarios e autónomos unidos para dinamizar a zoa comercial da área urbana de Viveiro, e ofrecer un sector de servizos moderno, profesionalizado e comprometido cós seus clientes.

Quen se atopa á fronte?

Está formado por unha directiva e unha xerente. A directiva actual está composta por 5 membros e ocupando a Presidencia atópase Susana Larrañaga e a xerente é Isabel Méndez.

Que fai o CCHV polos comerciantes?
Dende o CCH facemos numerosas campañas promocionais e de dinamización ao longo do ano e que pretenden animar o consumo e as vendas, defendemos os intereses dos asociados ante todas as administracións públicas, temos asesoramento laboral, fiscal e legal e tamén facemos tramitacións administrativas, recursos, reclamacións, etc.
Informamos constantemente aos negocios de todas as novidades en materia de comercio, lexislación, axudas e subvencións das que se poden beneficiar.

Tamén impartimos cursos de formación para empregados e propietarios e xestionamos ofertas de emprego para os negocios asociados. Contamos con convenios con distintas entidades e empresas con condicións vantaxosas e promocionamos os negocios a través das redes sociais, web, catálogos comerciais, etc.

Teñen un amplo abano de servizos.

Si, en definitiva, a nosa labor e manter unido o comercio de Viveiro para levar a cabo calquera iniciativa conxunta que se nos poida plantexar. Está claro que unidos se pode conseguir moito máis que de xeito individual.

Quen forma parte do CCHV ou pode formar parte?

Teñen cabida todos os negocios da área urbana de Viveiro. A Asociación, que nacía como Centro Casco Histórico, a día de hoxe está consolidada, e apostando por un proxecto de expansión onde teñen cabida todos.

Que destacan dos comercios de Viveiro?

A gran calidade e variedade de negocios que hai fai que aquí podas atopar practicamente de todo e a uns prezos súper competitivos.

Os asociados a este colectivo, ademais das actividades especificamente destinadas á dinamización da zona comercial, colaboran tamén con asociacións culturais ou deportivas e están presentes de forma activa en proxectos sociais ou medioambientais que repercuten directamente en beneficio de todos os veciños.

O compromiso dos asociados có municipio é incuestionable e a labor que realizan, moitas veces invisible, pon de manifesto que o CCHV é moito máis que un centro comercial.

Que se pode atopar no CCHV?

Tendas de agasallos, de recordos, de moda, xoierías, boutiques, grandes marcas, comercio tradicional, librerías, tendas gastronómicas, supermercados e zapaterías son unha mostra do seu potencial. Sumado a todo isto, pódense atopar teatros, cafeterías, restaurantes, e salas de exposicións que se distribúen polas prazas e arterias principais do centro histórico.

Cal é a vantaxe de mercar no comercio local?

Mercar e consumir nos negocios da vila repercute mellorando a economía local, mantendo centos de postos de traballo e mantendo viva a vila; o comercio dunha vila é o reflexo da vida da mesma, e temos que dinamizala constantemente. Trátase de poñer en valor as compras no comercio tradicional, onde o trato é persoal e cercano, con asesoramento profesional, artigos de calidade e a prezos que poden abarcar todo tipo de petos, e o que é máis importante, están aquí ó lado, sen necesidade de desprazamentos ofrecendo algo que en ningún outro lado poden ofrecer: un Centro Comercial Aberto que invita a pasear, desfrutar das súas rúas e do aire libre.

Algunha outra vantaxe?

Outra vantaxe é que o que merques lévalo para a casa de xeito inmediato, sen esperas, sen retrasos e sen correr riscos de sufrir os timos que están a suceder a cotío con compras en webs non seguras, ou a decepción do que o que chega á casa non é o que esperabas.

Fan moitas campañas e promocións?

Ao longo destes anos moitas foron as iniciativas que se puxeron en marcha, con gran aceptación por parte dos clientes como as campañas do 20% de desconto, o sorteo de Nadal que ano tras ano enche a Praza Maior, a Feira de Stocks ou o Juepeo (xoves de Tapeo en Viveiro) que xa leva 8 anos funcionando con gran éxito, sendo xa unha tradición da vila.

Está considerado un dos CCA máis dinámicos?

Si, un máis activos da comunidade autónoma e é o referente indiscutible da comarca. Pero como indicaba anteriormente, non se centran unicamente en campañas promocionais, senón que ó longo do ano prestan apoio e colaboración a distintas organizacións da zoa que realizan actividades culturais, deportivas, medioambientais ou proxectos sociais.

De cara a despois de Reis  teñen en mente algunha?

As novas liñas de traballo pasan por impulsar a unión de todo o comercio de Viveiro, para lograr unha asociación máis forte e afianzar o peso que ten en toda a comarca, sendo un referente comercial en moitos kilómetros á redonda. A Viveiro chegan clientes de toda a Mariña e Ortegal atraídos pola gran oferta comercial, de servizos e de ocio que ofrece a cidade do Landro. A asociación seguirá traballando por mellorar o atractivo comercial e o poder de atracción da zona, lanzando novas promocións e servizos tanto para clientes como para os negocios asociados.

Afectou a pandemia ao CCHV?

Os hábitos de consumo xa estaban a cambiar antes da pandemia, e o que fixo a covid foi acelerar eses cambios que se estaban a producir. Agora estamos na fase de adaptarnos ás novas tecnoloxías, apostar pola dixitalización e que vaían da man tanto as ventas físicas como online. Temos bó producto, de calidade e competitivo en prezo, agora temos que estar ben preparados para chegar ó cliente a través de todas as canles, e niso estamos.