Skip to main content
Lugo

O ornato da cidade mellorarase coa colocación de 40 exemplares de arboredo urbano

Por 14 Xaneiro, 2022Sin comentarios

A área de Medio Ambiente, que dirixe o tenente de alcaldesa Miguel Fernández, reporá este inverno 40 exemplares de arboredo urbano para mellorar o ornato da cidade, contribuíndo, ademais, a garantir o correcto mantemento das zonas verdes da capital.

O concelleiro explicou que estes traballos, incluídos dentro das tarefas ordinarias de conservación das zonas verdes, “se levarán a cabo até o mes de marzo en 32 rúas de barrios como a Piringalla, o Casco Histórico, a contorna da Avenida da Coruña, a Milagrosa ou Lamas de Prado, así como na explanada do Anxo Carro, á saída da nova pasarela sobre a N- VI, alén de na praza Horta do Seminario onde xa estaba previsto colocar tamén unha camelia xunto á placa conmemorativa coa que se homenaxea a Juan Almonte Herrera e ao resto de persoas detidas ou desaparecidas.

“En total repoñeremos 40 árbores de diferentes variedades coas que pretendemos mellorar a imaxe do municipio e integrar as especies vexetais como elementos decorativos pero sobre todo proactivos na loita contra o cambio climático e na consecución dun incremento da calidade ambiental dos espazos urbanos”, sinalou Miguel Fernández.

O responsable de Medio Ambiente referiu, igualmente, que tamén foron extraídos un total de 17 árbores que se atopaban na traxectoria que segue o itinerario do Carril Bici, polo que estes exemplares, situados nas rúas Río Ulla, Guntín e Xermán Alonso, foron acomodados noutras propiedades municipais, como a Casa da Xuventude ou parcelas municipais do Ceao e as Gándaras.

Fernández lembrou, como unha das principais apostas do Executivo de Lara Méndez, acadar un municipio verde e sostible, “o que tamén se consigue procurando un arboredo funcional e seguro, que vaia máis aló de dar sombra e que contribúa ao benestar do ser humano, minorando a contaminación e mellorando a paisaxe sen xerar conflitos polo espazo co tránsito peonil e rodado, sen ocultar sinais nin interferir na iluminación viaria e sen danar o pavimento”, concluíu o tenente de alcaldesa.